sábado. 20.04.2024

Baixar ás covas do Pico Sacro

As baixadas espeleolóxicas ás covas do Pico Sacro terán lugar os sábados 11 e 18 de xuño, ás 11:00 e ás 16:30 horas. “Unhas visitas totalmente seguras nas que as persoas participantes, sempre maiores de 12 anos, recibirán unha formación básica previa e contará co equipo necesario, ademais de estar guiados por instrutores da Federación Galega de Espeleoloxía”, explicou Fernández Munín, quen bromeou indicando que “dicímolo xa dende o primeiro día: se algún deles dá por fin co dragón que disque se agocha nestas covas, o Concello non se fai responsable”.

A espeleoloxía do Pico Sacro e a cultura xacobea. Esta é a temática sobre a que xirará a cuarta edición do ciclo “Un mes e Pico”, unha iniciativa que encherá Boqueixón de conferencias, visitas teatralizadas, rutas arqueolóxicas e baixadas espeleolóxicas ás covas durante os meses de maio e xuño. Un programa que foi presentado esta mañá polo alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, e o concelleiro de Economía e Facenda, José Manuel Iglesias Gómez.

Se as primeiras edicións se centraron na sacralidade, na relación do Pico Sacro coa cultura xacobea e na arqueoloxía do monte sacro, nesta ocasión “imos facer algo que estaba na mente de todos dende o primeiro día que convocamos este ciclo: a posibilidade de baixar ás covas do Pico Sacro”, adiantou o alcalde de Boqueixón.

As baixadas espeleolóxicas ás covas do Pico Sacro terán lugar os sábados 11 e 18 de xuño, ás 11:00 e ás 16:30 horas. “Unhas visitas totalmente seguras nas que as persoas participantes, sempre maiores de 12 anos, recibirán unha formación básica previa e contará co equipo necesario, ademais de estar guiados por instrutores da Federación Galega de Espeleoloxía”, explicou Fernández Munín, quen bromeou indicando que “dicímolo xa dende o primeiro día: se algún deles dá por fin co dragón que disque se agocha nestas covas, o Concello non se fai responsable”.

Unhas visitas que “serán a guinda do pastel” a unha completa programación cultural, xa que permitirán coñecer de primeira man a beleza e a importancia espeleolóxica das covas do Pico Sacro. Ao igual que todas as actividades do ciclo “Mes e pico”, as visitas serán de balde, se ben o aforo será limitado polo que será imprescindible inscrición previa no Departamento de Turismo de Boqueixón  ou chamando ao 981 513 061.

VISITAS TEATRALIZADAS E XEOLÓXICAS

A programación de “Mes e Pico” arranca este sábado 21 de maio coa primeira das catro visitas teatralizadas que o grupo “Os Quinquilláns” farán ás 17:30 horas no propio Pico Sacro e que xirará sobre o mito da Raíña Lupa e o encanto do monte sacro. Seixo, un mouro, recibirá ás persoas visitantes e presentaralles á poderosa Raiña Lupa, que lles contará as probas que os discípulos do Apóstolo Santiago tiveron que pasar para converter Compostela nunha cidade e o Pico Sacro nun lugar lendario. As visitas están programadas para os días 21 e 29 de maio, así como o 5 e o 12 de xuño, ás 17:30 horas.

Paralelamente haberá visitas guiadas ao Pico Sacro o 28 de maio e o 19 de xuño, ás 12.00 horas, da man de Geotur. A diferencia das visitas teatralizadas, trátase de dúas viaxes á orixe xeolóxica do Pico Sacro, un fito xeolóxico e xeográfico únicos en Galicia. Xeograficamente, a súa forma picuda convérteno nun símbolo paisaxístico inconfundible en terras galegas. O seixo puro que o forma, no medio dunha terra de granitos, fai que a súa singularidade sexa moi especial.

CERIMONIA DO LUME SAGRADO

O alcalde de Boqueixón tamén destacou que “despois de dous anos de pandemia é un pracer recuperar a Cerimonia do Lume Sagrado, que terá lugar o 19 de xuño, ás 13:00 horas, no Pico Sacro. Contaremos coas actuacións de Luz do Ilicinio e Raiola, da Asociación cultural Mestre Manuel Gacio, e da Asociación do Castro da Fervenza de Callobre (A Estrada). E tamén haberá entrega do lume sagrado: o 23 de xuño a todas aquelas persoas e entidades que queiran facer as súas fogueiras na noite de San Xoán”.

A Cerimonia do Lume Sagrado é unha cerimonia celta encabezada pola raíña Alda e o seu séquito, que recuperará de forma simbólica a tradición dos nosos ancestros na festa do solsticio de verán a través da obtención do lume sagrado directamente do Sol. Todos os que queiran recoller o lume sagrado para prender as súas fogueiras da noite de San Xoán, poderán levar unha candea do Pico Sacro o 23 de xuño, de 18:00 a 20.00 horas.

O Ciclo tamén contará con dúas conferencias abertas ao público na Capela de San Sebastián. A primeira “A cova do Pico Sacro no contexto da espeleoloxía científica e deportiva”, a cargo de Francisco Manuel Martínez García, presidente da Federación Galega de Espeleoloxía, o 18 de xuño. A conferencia peche do ciclo correrá a cargo de Xavier Groba González, secretario do Club Espeleolóxico Maúxo (Vigo) o 25 de xuño: “O tesouro cultural da cova do Pico Sacro”. En ambos os dous casos, a charla terá lugar ás 20:00 horas.

Manuel Fernández Munín, agradeceu a colaboración de todas as persoas e entidades que participan na programación deste ano e insistiu en que “dende o Concello de Boqueixón seguiremos traballando na posta en valor do noso patrimonio histórico, cultural e natural. Porque seguimos convencidos de que o Pico Sacro merece ser declarado Ben de Interese Cultural. Motivos hai máis ca de sobra e nós seguiremos traballando para que esta distinción se produza o máis pronto posible”.

Baixar ás covas do Pico Sacro
Comentarios