viernes. 26.04.2024

O Diario Oficial de Galicia publicou onte, luns 29, o programa de Axudas ao Retornado Emprendedor que convoca a Secretaría Xeral da Emigración (https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210329/AnuncioG0595-150321-0001_gl.html) e que permite aos galegos que regresan á súa terra de orixe, xa fosen nados na Galicia territorial ou nos seus países de destino, sufragar gastos correntes orixinados pola posta en funcionamento dun negocio con ata 8.000 euros de subvención.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recordou que este programa de axudas ao emprendemento dos retornados conta este año cunha liña especial a causa da covid-19, “xa que somos conscientes das dificultades que supón emprender e máis nun tempo tan complexo como o que estamos a vivir coa actual pandemia”.

Deste xeito, o programa conta con dúas liñas de axuda para persoas emigrantes galegas retornadas que exerzan a súa actividade laboral ou profesional na nosa comunidade autónoma, unha que promova o autoemprego co obxectivo de fomentar o establecemento como persoas autónomas ou por conta propia, e outra, relativa á Covid-19, destinada a compensar as perdas provocadas pola redución da actividade económica das persoas traballadoras autónomas ou por conta propia no contexto actual de pandemia.

En relación a esta última liña, cabe destacar que poderán ser beneficiarias as persoas con data de retorno a España entre o 1 de xaneiro de 2017 e o 31 de decembro de 2018, así como aqueles que retornando entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2019 foran beneficiados dunha subvención para o autoemprego da Secretaría Xeral da Emigración na convocatoria dese ano.

O prazo de presentación comeza hoxe, martes 30, e remata o 30 de setembro.

As axudas serán de 5.000 euros no caso da primeira liña (aumentables en 1.000 se a beneficiaria é muller e outros 2.000 se se pon en marcha nun concello rural) e de 3.000 no caso da segunda liña.

Esta liña de subvencións ten como fin favorecer o retorno a nosa comunidade autónoma dos galegos residentes no exterior de xeito que poidan fixar a súa residencia e integrarse social e laboralmente na sociedade, realizando nela as súas actividades empresariais e profesionais, favorecendo así o desenvolvemento do tecido empresarial de Galicia.

Dende a posta en marcha deste programa, foron case 300 os galegos retornados que xa crearon un proxecto empresarial apoiado a través da Secretaría Xeral da Emigración, dos que 94 corresponderon ao 2020.

Trátase dunha das máis de 50 medidas incluídas na Estratexia Galicia Retorna, de carácter transversal e coordinado pola Secretaría Xeral da Emigración coa colaboración de todos os departamentos da Xunta de Galicia.

Axudas para proxectos de galegos retornados emprendedores