jueves. 28.03.2024

A Xunta destina 1,55 millóns de euros para rehabilitar 42 vivendas de titularidade municipal no marco da convocatoria deste plan de axudas do ano 2022, tal e como informou este sábado a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.

Durante unha visita ás obras de rehabilitación dunha vivenda de mestre en Santiso, a conselleira salientou que desde 2017, ano da primeira convocatoria desta liña de subvencións, o Goberno galego leva concedidas axudas para 197 vivendas por importe de 6,67 millóns de euros. Este programa está pensado especialmente para os concellos de menos de 20.000 habitantes, co fin de que poidan ofrecer unha solución habitacional, en réxime de alugueiro, aos seus veciños.

Segundo lembrou Ángeles Vázquez, as administracións locais beneficiarias acceden a unha axuda que pode chegar ata o 90% do orzamento, ata un máximo de 40.000 euros; que no caso dos concellos cun centro histórico ou emprazado no Camiño de Santiago, pode alcanzar os 48.000 euros.

No Concello de Santiso, a Consellería concedeu, desde 2017, 5 axudas para rehabilitar 5 vivendas por máis de 165.000 euros. Xa están executadas as obras tanto das antigas escolas de Penaposta e Niñodaguía como da vivenda visitada hoxe pola conselleira en Ribadulla. No caso de Visantoña, estase a levar a cabo a restauración de dúas vivendas con cargo ás anualidades de 2022 e 2023.

O obxectivo do financiamento é rehabilitar as vivendas para recuperar a súa funcionalidade, así como mellorar as súas condicións de habitabilidade e eficiencia enerxética con actuacións como a renovación de carpinterías interiores e exteriores; a instalación de auga, electricidade e saneamento, ou a colocación de mobiliario de cociña e pezas sanitarias.

Concedidas desde 2017 axudas para rehabilitar 197 vivendas municipais
Comentarios