jueves. 25.04.2024
A Asociación “Mulleres de Seu”,,con motivo do Día Internacional de Muller, mañá mércores, 8 de marzo, vai celebrar unha xornada centrada na importancia da muller rural na economía social en Galicia. Desenvolverase en Melide, no Centro Sociocultural Mingos de Pita da localidade. Nesta iniciativa cóntase coa colaboración da Consellería de Emprego e Igualdade, de AGACA (Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias) e do Concello de Melide. Asistirán a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella; e a conselleira de Medio Ambiente Ángeles Vazquez.

Baixo o título “Mulleres rurais: raíces, presente e futuro da nosa terra”, reunirá a representantes -na súa maioría mulleres- das principais organizacións vencelladas á economía social na comunidade galega. Ademais, da vicepresidenta de Clun e presidenta de Mulleres de Seu, Carmen Rodríguez, participarán neste encontro o presidente de ForoESGal -Foro pola Economía Social Galega-, Celso Gándara; a presidenta de Espazo Coop -Unión de Cooperativas Galegas-, Ana Olveira; a colaboradora de AEIGA -Asociación de Empresas de Inserción de Galicia- Belén Rodríguez; a directiva de Nós As Mulleres -Asociación de Mulleres de Cooperativas Agroalimentarias de Galicia- María Manivesa; a presidenta de Alecrín -Asociación de mulleres rurais da comarca de Melide-, Aurora Fernández; e o presidente de Cegasal -Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego Sen Ánimo de Lucro-, José Antonio Vázquez. Todos eles abordarán a figura da muller nas súas organizacións.

Durante o evento porase de manifesto a relevancia da economía social no tecido empresarial de Galicia, xa que 5 de cada 100 empresas ou entidades do sector privado pertencen a ela, e destas o 18% son cooperativas. Ademais, o 68% das persoas que traballan en empresas de economía social residen no rural e o 3,6% total do emprego rural procede directamente da economía social.

A xornada incluirá ademais a inauguración da exposición "Economía social no corazón da nosa historia", que se acaba de trasladar a Melide, onde permanecerá durante varias semanas no centro sociocultural da localidade. Esta mostra, impulsada por ForoESGal, permite facer un percorrido pola historia e o desenvolvemento da economía social en Galicia, amosando como contribúe a un crecemento inclusivo e á redución das desigualdades mediante unha maior estabilidade de emprego e niveis salariais superiores.

 

A secretaria xeral de Igualdade, López Abella, e a conselleira de Medio Ambiente...
Comentarios