A Estación Fitopatolóxica do Areeiro, centro de investigación da Deputación de Pontevedra, descarta que o mildio volva causar danos na viña no que resta da campaña. Os técnicos do centro basean a súa previsión nas condicións meteorolóxicas actuais, con temperaturas por riba dos 30 graos, e o bo estado sanitario da uva.
A maior parte da uva atópase xa na fase de pintado, e as boas condicións de sol e vento moderado xunto coa saúde da vexetación fan improbable que o mildio poida volver causar danos, mesmo nas viñas máis tardías ou nas que levan tempo sen recibir tratamento. De feito, o Areeiro non recomenda tratar contra esta enfermidade, aínda que si aconsella seguir coas rozas da vexetación e eliminar os gromos longos para asegurar unha boa ventilación. Tamén se recomenda eliminar os grans secos dos acios que xa padeceron a enfermidade.
O único caso no que podería ser necesario un tratamento é en viñas novas, pouco vigorosas e/ou atrasadas, se non teñen xa unha data límite marcada pola adega.
En canto ao oídio, os técnicos atoparon novos síntomas en follas de plantas pouco ventiladas, pero non nos viñedos que foron tratados. A pesar de que non se esperan danos na maior parte das viñas, podería haber un pequeno risco nas uvas de variedades sensibles que aínda non estean en fase de pintado. Neses casos, haberá que valorar se é necesario un tratamento, sempre respectando os prazos establecidos.
A partir de agora, o foco sitúase na vixilancia doutros parasitos como a botrite. Polo momento, a súa incidencia é moi baixa e non xustifica a realización de tratamentos, agás nas variedades máis sensibles ou con historial de danos. Para máis información sobre o aviso fitosanitario completo, pode consultarse a páxina web da Estación Fitopatolóxica do Areeiro.
