martes. 21.05.2024

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta vén de activar para hoxe a alerta laranxa por temporal costeiro no litoral da provincia da Coruña.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso estará activo desde primeiras horas desta tarde na costa oeste e noroeste coruñesa. Agárdase mar combinada do suroeste con ondas de ata 5 metros e vento do suroeste forza 8 entre Fisterra e Sisargas.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

Alerta laranxa por temporal costeiro no litoral da Coruña
Comentarios