sábado. 20.04.2024

19 startups internacionais, procedentes de España, Portugal e Suíza, participaron o 11 e o 12 de decembro nun Bootcamp presencial organizado dentro da terceira edición do ‘Programa para Startups ABANCA Innova’. Durante estes dous días de traballo intenso recibiron charlas de expertos en emprendemento e de persoal de ABANCA, que lles axudaron a definir cal será a maneira de colaborar coa entidade en busca da proba de concepto a desenvolver.

Nestas xornadas de traballo, emprendedores de recoñecido prestixio como Eduardo Martínez García, fundador e CEO de LUM, unha app que ofrece ferramentas para cambiar a forma de ofrecer a banca comercial, e Lorenzo García Tamarit, CEO de TheLogicValue.com, empresa de software financeiro, ofreceron sesións formativas aos asistentes. Ademais, Augusto Santos, CEO de Fintech Portugal, trasladoulles a súa visión sobre o ecosistema fintech en España e Portugal.

Por parte de ABANCA, as startups seleccionadas puideron coñecer, a través dos ‘Café Fintech’, a estratexia de innovación do banco da man do director xeral de IT, Información, Procesos e Operacións, Jose Manuel Valiño, e da directora de Mercadotecnia, Susana Ortiz.

Durante os dous días de duración do Bootcamp, as startups tamén tiveron a oportunidade de presentar os seus proxectos ante as diferentes áreas de Negocio, Tecnoloxía, Participadas e Innovación do banco co obxectivo de demostrar que a súa proposta de valor ten encaixe coas necesidades da entidade e así poder pasar á seguinte fase do programa. Máis de 30 mentores de ABANCA axudáronlles tamén a detectar necesidades e a enfocar a súa proposta de valor para que se adaptase ás necesidades da entidade.

Tras estas dúas sesións, ABANCA decidirá a continuación ou non do desenvolvemento das probas de concepto. Nunha semana, todos os proxectos que participaron no Bootcamp recibirán feedback por parte de ABANCA acerca da viabilidade do seu proxecto. As propostas que sigan adiante, pasarán a desenvolverse coa axuda do equipo de ABANCA Innova e da empresa HubIN.

As Startups que participaron neste Bootcamp foron: Micappital, InvestSuite, Suscrip, ZM Algorithmic, OWE Money Manager, Finweg, Invisible Collector, Card dynamics, Lucas, NewRalers, Utrust, Infra, Iron Chip, Data XL, Pibisi, Gohu, LOQR, iCommunity e Imotion Analytics.

MÁIS CONVOCATORIAS EN 2020

Esta terceira edición do ‘Programa para Startups ABANCA Innova’ ten como principal novidade que, ao longo de 2020, abriranse novas convocatorias para startups nas que terán a oportunidade de presentar o seu proxecto. Nas dúas primeiras edicións, o ‘Programa para Startups ABANCA Innova’ recibiu 67 candidaturas de proxectos empresariais de base tecnolóxica orientados aos sectores fintech, insurtech e regtech.

Tras superar a fase de selección, nove delas iniciaron un proceso de acompañamento deseñado por ABANCA Innova co obxectivo de axudarlles a construír o seu proxecto. Senseitrade na primeira edición e DooingIT na segunda foron as dúas Startups que chegaron á fase final do programa.

Coa posta en marcha desta terceira edición do ‘Programa para Startups’, ABANCA Innova consolida a súa vocación como centro de actividade multipolar destinado a fomentar o desenvolvemento da innovación e a tecnoloxía en Galicia. Desde a súa creación en 2017, ABANCA Innova organizou uns 180 eventos con máis de 2.000 asistentes nos que participaron 950 empresas, 400 delas emerxentes.

ABANCA Innova selecciona 19 proxectos internacionais para o seu ‘Programa para Startups’