sábado. 20.04.2024

A Xunta de Galicia propúxolle ao Goberno de España un acordo global de colaboración para impulsar conxuntamente as obras de saneamento máis prioritarias para a Comunidade autónoma. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo hoxe unha xuntanza co secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, na que abordaron a situación das principais necesidades en materia de augas en Galicia.

A conselleira, que estivo acompañada da directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e do xerente da entidade, Gonzalo Mosqueira, trasladou a disposición da Xunta a colaborar economicamente, achegando fondos propios da Comunidade Autónoma, para cofinanciar as actuacións de saneamento declaradas de interese xeral do Estado, como son as obras de Ponteareas, A Illa de Arousa, e de Raxó (Poio) e Sanxenxo.

O acordo global formulado pola Xunta consiste en que, ademais, o Goberno de España colabore, achegando fondos europeos do treito estatal, a cofinanciar outras obras igualmente necesarias, como o saneamento de Monforte de Lemos, de Salvaterra de Miño e Ames.

O obxectivo da proposta do Goberno galego é garantir o aproveitamento dos fondos europeos do actual período operativo para atender necesidades de saneamento urxentes que dispoñen de proxectos avanzados para poder executarse no curto prazo.

Na xuntanza, a conselleira reiterou o compromiso da Xunta co cofinanciamento das obras da depuradora de Santiago, que, pola modificación do proxecto inicial non poderán optar a fondos europeos do actual período operativo. Ethel Vázquez avogou por plasmar nun convenio de colaboración os termos concretos do financiamento desta infraestrutura sobre a que está aínda aberto o proceso de contratación do proxecto.

Para avanzar no saneamento das augas na mesma bacía do río Sar, a conselleira apostou por impulsar con fondos autonómicos e fondos europeos do actual período dos que dispón o Goberno de España, a mellora do sistema de saneamento de Ames-Brión, á que se sumaría unha actuación tamén no sistema de saneamento de Calo-Milladoiro.

AUGA A VIGO

Na xuntanza, o Goberno galego manifestou tamén o seu interese por avanzar na procura de solucións estruturais ao abastecemento de auga a Vigo e sur da provincia de Pontevedra, sobre o que a Xunta cofinanciar un estudo que debe acometer o Goberno de España.

A conselleira demandou que as actuacións necesarias para garantir a auga a esa comarca sexan declaradas de interese xeral do Estado, acadando así maiores garantías para o seu financiamento. A Xunta considera necesario aplicar en Vigo, unha comarca con 600.000 habitantes, o mesmo sistema que se aplicou noutros contornos urbanos menos poboados, como Ourense e Pontevedra.

Ademais, a conselleira solicitou a colaboración do Ministerio para a Transición Ecolóxica na tramitación necesaria para construír o novo emisario da depuradora de Pontevedra e facilitar o imprescindible saneamento da ría, tal e como exixe a Unión Europea.

Finalmente, reiterou a demanda de que se liciten o antes posible as obra de dragaxe da ría do Burgo, de forma que se garanta a calidade ambiental dese entorno e a actividade económica dos profesionais do mar.

Ethel Vázquez salientou que foi unha xuntanza frutífera na que ambas as dúas Administracións puideron revisar as necesidades máis importantes do saneamento e abastecemento das augas en Galicia e confiou en que este encontro derive en acordos concretos que permitan impulsar todas as actuacións precisas.

A Xunta proponlle ao Goberno de España un acordo global de colaboración para impulsar...