viernes. 26.04.2024

A Xunta de Galicia destina este ano 745.000 euros a axudas para a Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, a través de diversas convocatorias publicadas nos últimos días no Diario Oficial de Galicia. O obxectivo é facilitarlles aos concellos con bibliotecas e axencias de lectura públicas municipais a adquisición de novidades editoriais, a mellora das súas coleccións e a organización de actividades de dinamización.

Como se indica no Diario Oficial de Galicia (DOG), a maior contía invístese no programa de mellora das coleccións para facelas máis actuais, completas e diversificadas. O orzamento é de 350.000 euros que a Xunta prevé ampliar ata os 550.000 a través dos fondos europeos.

Con este motivo, a convocatoria rexistra novidades con respecto a anos anteriores. Así, establece un mínimo de 1500 euros para cada biblioteca ou axencia de lectura para libros en formato impreso Requírese tamén a incorporación de materiais inclusivos, como obras de lectura fácil, de letra grande ou outras características que lles faciliten o acceso a persoas con discapacidade. Outra das novidades vén da esixencia do Ministerio de Cultura de que se destine como mínimo o 50% da axuda recibida á adquisición de obras en castelán.

Canto ás novas obrigas para as bibliotecas con fondos adquiridos mediante esta convocatoria, céntranse na incorporación das novas publicacións ao seu catálogo no prazo máximo de 12 meses e en garantir a súa dispoñibilidade ao longo de cinco anos como mínimo.

NOVIDADES EN GALEGO

Pola súa banda, a liña de axudas para a adquisición de novidades editoriais supón, como se indica no DOG, un investimento de 200.000 euros para que os usuarios das bibliotecas e axencias de lectura dispoñan das novidades en galego no momento da súa entrada no mercado. Neste caso, a contía para cada entidade beneficiaria establécese en función da poboación que atenden os respectivos servizos bibliotecarios.

A selección dos títulos fana as propias bibliotecas a través da plataforma dixital creada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade para que as editoriais incorporen as súas novidades en galego, que vén de activarse esta semana. Permanecerá aberta ata o 31 de setembro para acoller os títulos publicados desde o pasado 1 de outubro. O prazo para acollerse a estas convocatorias é ata o 4 de marzo.

'LER CONTA MOITO'

A maiores, a Xunta mantén aberto ata o 21 deste mes o prazo para solicitar as subvencións a prol da programación de actividades de dinamización da lectura nas bibliotecas e axencias de lectura públicas municipais. Como se publica no DOG, cun orzamento de 195.000 euros, o obxectivo é fomentar o hábito lector en todo o territorio galego, consolidando un sistema bibliotecario robusto e sólido. Impúlsase, ademais, a descentralización da vida cultural, xerando espazos de convivencia cidadá nas instalacións culturais municipais.

As actividades realizaranse a través do programa Ler conta moito, a iniciativa coa que as empresas e profesionais galegos poden propoñer diferentes actividades de dinamización da lectura nas bibliotecas públicas. Só no último ano impulsáronse 722 propostas entre contacontos, obradoiros, exposicións, charlas ou proxeccións audiovisuais e rutas, entre outras.

Os concellos beneficiarios desenvolverán un mínimo de dúas actividades das que se programen a través de Ler conta moito 2022, polas que poderán recibir unha achega que cubra ata o 75% dos gastos. Para facilitar a programación destas accións, a Consellería de Cultura mellorou o web do programa, que xa inclúe nun único espazo tanto a parte destinada aos profesionais e artistas para ofertar as súas propostas, como a parte na que as bibliotecas poden seleccionalas e programalas, así como a parte dirixida ao público.

A Xunta destina 745.000 euros ás bibliotecas municipais para novidades editoriais,...