miércoles. 24.04.2024

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, resaltou hoxe tralo Consello da Xunta que a Administración autonómica aboará os menús dos comedores escolares xestionados polo Goberno galego ás familias con menos recursos, mentres estean suspendidas as clases presenciais.

En total beneficiaranse preto de 51.000 alumnos, dos cales 45.000 corresponden ao segundo ciclo de Educación Infantil, Primaria e ESO e uns 6.000 ao primeiro ciclo de Educación Infantil, que vai dos 0 aos 3 anos.

No caso do alumnado do segundo ciclo de Educación Infantil en adiante, a axuda estará destinada aos 40.480 usuarios que gozan de comedor gratuíto, que contarán cunha axuda de 2,5 euros por día lectivo; e aos 3.813 que o teñen semigratuíto (no caso dos que pagan un euro ao día), que recibirán unha axuda de 1,5 euros por cada día lectivo. Para levalo a cabo, unha vez que esta orde se publique no DOG, as familias beneficiarias poderán presentar a solicitude ata o día 6 de abril a través da sede electrónica da Xunta.

No caso das escolas infantís de 0 a 3 anos, a axuda económica irá destinada ás preto de 6.000 familias que pagan mensualmente 27 euros ao mes ou menos polo comedor da súa filla ou fillo, incluíndo aquelas que non pagan nada porque o teñen bonificado ao 100%.

REFORZO DOS RECURSOS 'ON LINE'

No eido educativo, Feijóo referiuse tamén ás medidas que se porán en marcha para reforzar os recursos online durante a crise do coronavirus, entre as que destacou a posta á disposición de 1.000 familias, con menos recursos, dun ordenador e unha conexión á Rede, que será gratuíta grazas á colaboración dos operadores R, Vodafone e Orange. Ademais contarán co Soporte Premium, que lles permitirá resolver dúbidas e incidencias.

Esta medida será para alumnado de secundaria, bacharelato e Formación Profesional, que recibirán os equipos a través dos centros.

Así mesmo, porase á disposición de máis de 33.000 docentes do ensino galego unha plataforma de videoconferencia, coa que poderán interactuar co alumnado e familias, e, polo tanto, impartir clase en tempo real. E darase máxima visibilidade no Portal Educativo a un espazo que reunirá as principais ferramentas tecnolóxicas á disposición da comunidade educativa para organizar o seu traballo.

Logo de resaltar que a partir da próxima semana tamén se incluirán videotutoriais para explicar o uso das ferramentas, Feijóo aseverou que tamén se habilitará o acceso aos recursos dixitais editoriais de E-dixgal.

En relación á FP, porase á disposición materiais didácticos, procedente do banco de recursos elaborado polo propio profesorado no marco de licencias de formación convocadas nos últimos 8 anos -con material de 60 ciclos diferentes e 140 módulos profesionais e 21.334 horas de formación curricular-. E tamén se porán en aberto todos os materiais utilizados na modalidade de FP a distancia en Galicia, que inclúe 34 ciclos e 37.757 horas de formación curricular.

Cómpre lembrar que, entre profesores e alumnos, estes días son entre 75.000 e 80.000 os usuarios diarios das plataformas de contidos da Xunta.

A Xunta aboará os menús dos comedores escolares xestionados pola Administración ás...