lunes. 27.05.2024

A temperatura media rexistrada nos meses de xuño, xullo e agosto foi de 18.8ºC, polo que o período estival galego considérase lixeiramente frío. Así se recolle no informe climatolóxico de verán deste ano 2021 elaborado por MeteoGalicia, que estima tecnicamente os tres meses citados como época estival.

Nos tres meses, a anomalía na temperatura media foi de -0.29ºC, debido principalmente aos valores rexistrados nos meses xuño e xullo, que non puido compensar o mes de agosto.

Tal e como se recolle de xeito detallado no informe, o verán comezou cunha primeira quincena anticiclónica no mes de xuño, seguida por unha segunda co achegamento dalgunhas borrascas e zonas de are frío, que deixaron temperaturas máis baixas do habitual para esta época do ano.

No mes de xullo a presenza de aire frío no Atlántico norte impediu que as altas presións se localizasen ao norte da península Ibérica, deixando temperaturas medias por debaixo do agardado, principalmente en Pontevedra e no sur da Coruña. Esta situación deixou unha temperatura media de 19.0ºC, cunha anomalía de -0.66ºC, resultando un mes frío.

O verán rematou cun mes de agosto con predominancia de situacións anticiclónicas, agás a primeira semana do mes, na que predominaron as borrascas. En calquera caso, as xornadas posteriores foron de sol e calor, pero aínda así non foron suficientes para facer que as temperaturas medias non se afastasen da normalidade.

PRECIPITACIÓNS

En canto ás precipitacións no conxunto dos meses de xuño, xullo e agosto, foron un 20% superiores ao período de referencia. O mes máis húmido foi xuño, con cuantiosas chuvias —a media foi de 96 L/m2— e unha porcentaxe de precipitación dun 102% superior ao valor climático normal.

No caso do mes de xullo, só se acadaron niveis normais de precipitacións nas provincias de Pontevedra e o sur da Coruña, mentres que en moitas localidades da Comunidade apenas se rexistraron. Así, o segundo mes do verán tivo unha precipitación media de 19 L/m2.

Nesa mesma liña se mantivo agosto, xa que as choivas dos primeiros días non foron suficientes para acadar os valores climáticos normais no conxunto da Comunidade, que estiveron un 32% por debaixo do normal.

Tanto nas precipitacións como nas temperaturas, o precedente máis frío e máis húmido é o verán do ano 2018, cunha temperatura media de 19.8ºC e unha porcentaxe de precipitación un 32% superior á media.

A temperatura media rexistrada en verán situouse nos 18,8ºC, polo que se considera...