domingo. 28.04.2024

A Xunta de Galicia vén de conceder a 23 editoriais axudas dirixidas á tradución dun total de 88 obras, tanto para levar a outras linguas obras publicadas orixinariamente en galego como para traducir ao noso idioma publicacións noutras linguas.

O orzamento total ascende a 200.000 euros, en dúas anualidades. Para este ano concédense 90.000 euros e para o 2024 elévase a 110.000 euros, sendo a cantidade máxima recibida por obra de 6.000 euros.

Esta orde de axudas enmárcase no Plan Xeración Cultura, co que se busca reforzar con novas iniciativas o gran momento de creación e expansión do sector cultural galego, facilitando a súa internacionalización e acceso.

As editoriais deben presentar o contrato co tradutor para xustificar esta anualidade e só se subvenciona a tradución dun mesmo título. Cada empresa pode presentar solicitude para a tradución dun máximo de 15 títulos, dos que son obxecto de subvención as obras que aínda non teñen tradución ou nas que pasaron máis de 20 anos da última.

OS FORMATOS

Desta maneira, o Goberno galego crea un marco legal que propicie a participación e acceso á cultura a todo tipo de persoas e colectivos sociais, a través da Lei de Cultura Inclusiva e Accesible de Galicia. Un exemplo disto é a concesión de subvencións a cinco proxectos para a produción, distribución e comercialización de libros en lectura fácil en formato físico ou dixital, en galego. O importe total que se achega é de 24.848,35 euros.

Os libros en lectura fácil teñen que estar editados en galego ou en calquera outro idioma que, de ser o caso, se debe traducir á nosa lingua. Así mesmo, debe tratarse dunha primeira edición dunha obra inédita en galego, ou ben a adaptación dun título xa publicado orixinariamente en galego, durante os últimos cinco anos, e do cal non exista adaptación el lectura fácil no mercado.

88 obras teñen axudas para a súa tradución
Comentarios