martes. 23.04.2024

Hai uns meses compartiamos o noso desalento a través dunha nota de prensa na que documentabamos as razóns polas que debiamos acudir ás institucións europeas na busca da defensa dos dereitos fundamentais das mulleres, reiteradamente vulnerados por parte das institucións do Estado español  e a inacción do Defensor del Pueblo.
Alédanos dicir que en resposta ao noso requirimento, a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo ven de responder á nosa petición declarándoa admisible e remitíndoa á Comisión de Dereitos das Mulleres e Igualdade de Xénero do Parlamento Europeo.

Así mesmo, tamén se refiren no seu escrito ao contido do seu informe dos Dereitos Humanos e Democracia no Mundo de 2014, no que indica textualmente que “condena a práctica de xestación por substitución, que é contraria á dignidade humana da muller, xa que o seu corpo e as súas funcións reprodutivas utilízanse como unha materia prima; estima que debe prohibirse esta práctica, que implica a explotación das funcións reprodutivas e a utilización do corpo con fins financeiros ou de outro tipo, en particular no caso das mulleres vulnerables nos países en desenvolvemento”.

Aínda a pesar de documentar amplamente as vulneracións constitucionais obxecto das nosas peticións de recurso de amparo e de inconstitucionalidade, o Defensor del Pueblo non apreciara razóns para promover fronte ao Tribunal Constitucional ningún dos recursos solicitados, segundo nos indicaba na súa resposta. No documento no que solicitabamos a promoción do recurso de amparo ante a persistente inacción das Administracións, cando non connivencia, co negocio ilícito da xestación subrogada, aportamos datos e evidencias sobre a crecente actividade deste tipo que se rexistra no noso país, aínda a pesar de ser explícitamente ilegal e especialmente execrable.

No documento que dirixiramos ao Defensor del Pueblo no mes de marzo, denunciabamos que varias empresas radicadas no noso país, que ofrecen tratamentos de fertilidade, en realidade operan como intermediarias na compra de neonatos baixo encargo, actividade que amosan con impunidade a través de medios electrónicos e impresos, sen que as autoridadespoñan fin a esta grave vulneración do dereito nacional e comunitario.

Ao tempo, asistimos con estupor á oferta de conferencias e incluso servizos de asesoramento sobre esta actividade ofrecidos por administracións ou universidades públicas, e incluso, celebración de feiras e eventos públicos nos que se ofrecen estes servizos sen a menor ocultación.

Por outra banda, os medios de comunicación fanse eco dos casos de famosos que difunden publicamente o feito de ter contratado estes “servizos” baseados na explotación de mulleres vulnerables, sen cuestionar a ilegalidade desa situación e branqueándoa como se se tratara dunha opción perfectamente aceptable e legal.

Outra das peticións que trasladabamos no noso escrito era a promoción de recurso de inconstitucionalidade contra a Lei 17/2020. Esta lei, aprobada polo Parlament de Catalunya, ven a cambiar parte do contido da Lei 5/2008, do dereito das mulleres a erradicar a violencia machista, modificando o suxeito ao que vai dirixida a mesma, que ata entón eran as mulleres, polas mulleres transxénero e cisxénero e as persoas non binarias.

Todo isto, a pesar de que no Real Decreto Lei 9/2018, de 3 de agosto, de medidas urxentes para o desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero evócase a Resolución 48/104, de 20 de decembro de 1993 das Nacións Unidas na que se define a violencia contra a muller como todo acto de violencia baseado na pertenza ao sexo feminino e que a definición de xénero recollida no Convenio do Consello de Europa sobre prevención e loita contra a violencia contra a muller e a violencia doméstica, incorporado ao noso ordenamento en 2014, define o xénero como os papeis, comportamentos, actividades e atribucións socialmente construídos que unha sociedade concreta considera propios de mulleres ou de homes.

Así pois, a modificación do suxeito ao que van dirixidas as medidas de protección da Lei 5/2008 non só obvia a razón da violencia contra a que di actuar, senón que pretende blindar un construto social no que se amparan as diferenzas efectivas entre homes e mulleres e nas que se basea a mesma violencia.
Por outra banda, no artigo 70 da Lei 17/2020, establécese queas mulleres transxénero que non teñen a mención de xénero rexistrada como muller na documentación oficial equipáranse, aos efectos da presente lei, ás demais mulleres que sufriran violencia machista na medida que se recoñecen como mulleres”.

A arbitraria autodeterminación de persoas de sexo masculino como transfemininas, sen ningunha evidencia que sosteña esa afirmación, abre a porta á fraude por parte de vitimarios que queiran eludir o agravante de violencia de xénero ou que queiran desprotexer á vítima real á que xa non serían de aplicación as medidas protectoras desta lei por non darse as condicións ineludibles de ser unha violencia exercida por homes contra mulleres. Outra das consecuencias igualmente graves podería ser a vulneración dos espazos seguros nos que son protexidas as vítimas de agresión sexual ou violencia machista.

Ao respecto desta inseguridade e a fraude á que poderá dar lugar, o Defensor del Pueblo sostiña no seu escrito que o perigo ou desprotección que poida derivarse da autodeterminación como mulleres por parte de persoas de sexo masculino de xeito fraudulento, poderá ser obxecto de  reparación por vía de impugnación na vía xudicial ordinaria ou, no seu caso, na vía de amparo constitucional”. É dicir, non nega a inseguridade xurídica e os efectos que esa arbitraria norma poidan producir, pero a súa solución non pasa por evitar a perpetración do delito, senón por recordar que existen sistemas de denuncia -no caso de que a vítima aínda conserve a vida, claro-.

Non obstante, cando un grupo de deputados do Congreso promoveu o citado recurso directamente ante o Tribunal Constitucional, este si atopou razóns para tomar en consideración o referido recurso, que aínda está en proceso de deliberación.

Resulta moi lamentable que o Defensor del Pueblo, única vía permitida aos cidadáns para solicitar a acción do Alto Tribunal,  non apreciase indicios de vulneracións constitucionais que este último si apreciou.

A súa resolución parece indicar que ao “Defensor da Metade do Pobo” non lle incomoda a explotación ou vulneración dos espazos e dereitos das mulleres, polo que, na busca da defensa deses dereitos non parece que poidamos contar coa súa intervención. Non obstante, esgotaremos todas as vías ao noso alcance para esixir a protección dos mesmos, recorrendo a todas as instancias administrativas ao noso alcance.

Para poder ampliar estes contidos poderá acceder ao documento orixinal que remitimos ao Defensor del Pueblo en marzo de 2021, no que figuran, entre outras, as dúas peticións ás que nos referimos no texto anterior.
Tamén poderán acceder á resposta do Parlamento Europeo á nosa solicitude.

A práctica de xestación por substitución, contraria á dignidade humana da muller