O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acompañado do deputado provincial Javier Tourís, puxo en valor este sábado o destacado potencial deportivo de Vilagarcía de Arousa. Este recoñecemento chegou durante o acto institucional de nomeamento do pavillón de Fontecarmoa en honor á figura local do baloncesto, Sara Gómez.
A oficialización do novo nome do pavillón celebrouse durante o descanso do partido de Liga Feminina 2 que enfrontou ao Mariscos Antón Cortegada Cortegada e ao Maristas da Coruña. Previamente ao encontro, a propia Sara Gómez descubriu a placa conmemorativa que desde agora preside a entrada do recinto deportivo.
Luis López dedicou palabras de eloxio á xogadora, cualificándoa como unha "referencia para o baloncesto feminino a nivel nacional e internacional, e tamén no eido da igualdade". O presidente provincial tamén felicitou ao Club Cortegada por este merecido recoñecemento. Ademais, subliñou a fructífera colaboración entre a Deputación e o Concello de Vilagarcía para levar a cabo proxectos como este, un día despois da sinatura do primeiro convenio ao abeiro do Plan Extra para a ampliación das piscinas do complexo deportivo.
O complexo de Fontecarmoa está a experimentar unha profunda renovación grazas a diversos proxectos nos que a Deputación de Pontevedra investiu un total de 2,9 millóns de euros. Estas actuacións inclúen a modernización do pavillón, coa renovación de butacas e a instalación de pantallas LED, así como a ampliación das piscinas, a mellora da pista de atletismo e a renovación do saneamento dun dos accesos ao recinto.
“Sinto satisfacción cando me sento nestas bancadas e comprobo que detrás da renovación do complexo están os froitos do traballo da Deputación e dos recursos que nos entregades para investilos”, manifestou o presidente Luis López, resaltando o compromiso da institución provincial co deporte e as infraestruturas deportivas da comarca.
