domingo. 09.11.2025

O Porriño vibra coa CAE Interrunning: 2.000 persoas nunha festa de deporte e solidariedade

O Porriño celebrou a CAE Interrunning con 2.000 participantes nunha gran festa deportiva e solidaria, recadando fondos para a AECC, Aceesca e Afaga. Os gañadores das probas principais foron Anxo Otero Amoedo e Julia Vaquero (5K), e Alejandro Fernández Rivera e Uxía Pérez Bugarín (10K).
2.000 razóns para sorrir! Así de vibrante foi a chegada á meta da Interrunning no Porriño, unindo deporte, empresas e compromiso social. Parabéns a todos!
2.000 razóns para sorrir! Así de vibrante foi a chegada á meta da Interrunning no Porriño, unindo deporte, empresas e compromiso social. Parabéns a todos!

O Porriño viviu esta mañá do sábado unha auténtica festa do deporte coa celebración da CAE Interrunning, que logrou congregar a 2.000 participantes de todas as idades. As rúas do centro urbano convertéronse nun circuíto de esforzo, emoción e compromiso social.

A proba, que combinou a XIV Interrunning e a III Carreira de Empresas de Galicia, reafírmase como unha cita imprescindible no calendario deportivo galego. Ademais, destacou o seu forte compoñente solidario, xa que destina parte dos fondos recadados á Asociación Española Contra o Cancro, Aceesca e Afaga. A celebración coincidiu co Día Mundial do Alzhéimer, motivo polo cal a casa do Concello se alumearía este serán de cor verde.

Emoción nas carreiras de 5K e 10K

 

A xornada deportiva arrincou coa tradicional Andaina Antonio Palacios de 8 quilómetros, seguida das carreiras de 5K e 10K, que deixaron grandes momentos de emoción e esforzo. Os gañadores desta edición foron:

  • 5K masculino: Anxo Otero Amoedo

  • 5K feminino: Julia Vaquero Sousa

  • 10K masculino: Alejandro Fernández Rivera

  • 10K feminino: Uxía Pérez Bugarín

Tamén houbo un espazo destacado para os máis pequenos, cos tradicionais percorridos Pitufos e Chupetes, nos que participou unha ampla representación infantil nun ambiente festivo e familiar.

Un evento "único en Galicia"

 

O alcalde de O Porriño, Alejandro Lorenzo, subliñou que a CAE Interrunning é un evento de gran valor. “Estamos ante un evento único en Galicia, que unifica deporte popular, cultura empresarial e compromiso solidario, destinando parte dos fondos recadados a estas tres entidades sen ánimo de lucro,” afirmou o rexedor.

Lorenzo destacou a natureza multifacética do evento: “A Interrunning é moito máis ca unha carreira, estamos moi orgullosos de acoller un evento que promove hábitos saudables, visibiliza o compromiso social e dinamiza o centro urbano do Porriño.” Aproveitou tamén para agradecer o “traballo incansable” da organización, o voluntariado e a participación de todos os asistentes.

Festa e cultura para rematar a xornada

 

Trala entrega de premios, a actividade continuou coa animada "after run party", aberta a todo o público, que combinou música, sorteos, regalos e gastronomía. A foodtruck de “Galicia Sabe Amar” ofreceu degustacións de peixe e marisco galego durante toda a mañá.

A programación cultural prolongarase ao longo do día con propostas para todos os públicos, enmarcadas no festival de cultura urbana SummerSon Jam, que ofreceu esta mañá un workshop de hip hop e competición de beginners, e que pola tarde (a partir das 16.00 horas) acollerá a batalla de baile da categoría advanced.

Ademais, ás 19.30 horas, na Praza Arquitecto Antonio Palacios, a compañía Pelele presentará o seu espectáculo de marionetas “A morte de don Cristóbal”. O concerto de Law, ás 20.30 horas, poñerá o broche de ouro á xornada e a esta fin de semana festiva, antesala da semana grande das Festas do Cristo.

O Porriño vibra coa CAE Interrunning: 2.000 persoas nunha festa de deporte e solidariedade
Comentarios