O Porriño vibra coa CAE Interrunning: 2.000 persoas nunha festa de deporte e solidariedade
O Porriño viviu esta mañá do sábado unha auténtica festa do deporte coa celebración da CAE Interrunning, que logrou congregar a 2.000 participantes de todas as idades. As rúas do centro urbano convertéronse nun circuíto de esforzo, emoción e compromiso social.
A proba, que combinou a XIV Interrunning e a III Carreira de Empresas de Galicia, reafírmase como unha cita imprescindible no calendario deportivo galego. Ademais, destacou o seu forte compoñente solidario, xa que destina parte dos fondos recadados á Asociación Española Contra o Cancro, Aceesca e Afaga. A celebración coincidiu co Día Mundial do Alzhéimer, motivo polo cal a casa do Concello se alumearía este serán de cor verde.
Emoción nas carreiras de 5K e 10K
A xornada deportiva arrincou coa tradicional Andaina Antonio Palacios de 8 quilómetros, seguida das carreiras de 5K e 10K, que deixaron grandes momentos de emoción e esforzo. Os gañadores desta edición foron:
-
5K masculino: Anxo Otero Amoedo
-
5K feminino: Julia Vaquero Sousa
-
10K masculino: Alejandro Fernández Rivera
-
10K feminino: Uxía Pérez Bugarín
Tamén houbo un espazo destacado para os máis pequenos, cos tradicionais percorridos Pitufos e Chupetes, nos que participou unha ampla representación infantil nun ambiente festivo e familiar.
Un evento "único en Galicia"
O alcalde de O Porriño, Alejandro Lorenzo, subliñou que a CAE Interrunning é un evento de gran valor. “Estamos ante un evento único en Galicia, que unifica deporte popular, cultura empresarial e compromiso solidario, destinando parte dos fondos recadados a estas tres entidades sen ánimo de lucro,” afirmou o rexedor.
Lorenzo destacou a natureza multifacética do evento: “A Interrunning é moito máis ca unha carreira, estamos moi orgullosos de acoller un evento que promove hábitos saudables, visibiliza o compromiso social e dinamiza o centro urbano do Porriño.” Aproveitou tamén para agradecer o “traballo incansable” da organización, o voluntariado e a participación de todos os asistentes.
Festa e cultura para rematar a xornada
Trala entrega de premios, a actividade continuou coa animada "after run party", aberta a todo o público, que combinou música, sorteos, regalos e gastronomía. A foodtruck de “Galicia Sabe Amar” ofreceu degustacións de peixe e marisco galego durante toda a mañá.
A programación cultural prolongarase ao longo do día con propostas para todos os públicos, enmarcadas no festival de cultura urbana SummerSon Jam, que ofreceu esta mañá un workshop de hip hop e competición de beginners, e que pola tarde (a partir das 16.00 horas) acollerá a batalla de baile da categoría advanced.
Ademais, ás 19.30 horas, na Praza Arquitecto Antonio Palacios, a compañía Pelele presentará o seu espectáculo de marionetas “A morte de don Cristóbal”. O concerto de Law, ás 20.30 horas, poñerá o broche de ouro á xornada e a esta fin de semana festiva, antesala da semana grande das Festas do Cristo.