Picusa Academy inicia este sábado o seu terceiro ano na categoría Júnior despois de dúas tempadas de éxito nas que sumou máis de 40 vitorias e impulsou a seis ciclistas cara a estruturas profesionais. A primeira gran cita de 2026 chega nun dos escenarios máis recoñecidos do calendario estatal: o Circuito do Guadiana, en Don Benito (Badajoz), proba inaugural da Copa de España xuvenil.
A carreira extremeña é un lugar especial para a escuadra patrocinada pola histórica firma padronesa Picusa. Alí logrou en 2024 o primeiro triunfo da súa historia, da man de Enrique Maranchón, quen ademais se vestiu de líder da Copa de España. O valenciano, hoxe no equipo de desenvolvemento do NSN, formación suíza do UCI WorldTour, exemplifica o salto de nivel que o proxecto con base en Mos busca para os seus corredores.
Co mesmo obxectivo encaran a campaña os integrantes da actual plantilla. Para o debut en Don Benito, o director deportivo confeccionou unha alineación na que destacan dúas das cinco incorporacións realizadas este ano: o brasileiro Vinicius Thor e o coruñés Lucas Blanco, que estrearán cores e categoría. Completarán o sete inicial Xian Alvariño, Rodrigo García, Dimas Mota, Hugo Muñoz e Adrián Prieto.
A proba arrancará ás 15.00 horas cun percorrido de 120 quilómetros, con saída e meta en Don Benito e paso polos municipios de Villanueva de la Serena e La Haba. Un dos puntos clave volverá ser o coñecido “muro” de Magacela, que se ascenderá en tres ocasións e conta con algo máis dun quilómetro ao 11% de pendente media, chamado a decidir a carreira.
A Copa de España 2026 constará de nove citas puntuables, ningunha en Galicia. A seguinte parada chegará axiña: o sábado 28 de febreiro disputarase en San Pedro del Pinatar (Murcia) o G.P. Memorial Juan Pujalte. O calendario prolongarase ata o 9 de agosto, coa proba valenciana de Moixent como peche do certame, no que Picusa Academy defende o prestixio de ter sido campión por equipos en 2024.
