jueves. 15.01.2026

O novo presidente da Federación Galega de Fútbol (FGF), Pablo Prieto, realizou esta mañá a súa primeira visita institucional ao Concello de Mos, nun encontro de traballo centrado en fortalecer a colaboración entre a FGF, o Concello e os clubs deportivos do municipio. O obxectivo principal é mellorar as condicións para os máis de 800 deportistas federados que practican fútbol en Mos.

Prieto estivo acompañado polo vicepresidente da Federación, Fernando Iglesias, e foron recibidos no Concello pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Deportes, Feli Rodríguez.

A xuntanza tamén contou coa presenza de representantes dos principais clubs de fútbol do concello: Pablo Serodio (UD Mos), Patricio Farrapeira (Club Louro de Tameiga) e David Campo (Santiaguiño F.C.). A presidenta do C.D. Alerta non puido asistir por motivos persoais.

Durante o encontro, abordáronse temas clave como o estado das instalacións deportivas municipais, as necesidades específicas dos clubs e o futuro do fútbol base na localidade. Todas as partes manifestaron un firme compromiso de traballar conxuntamente na mellora dos recursos e infraestruturas deportivas, co fin de fomentar a práctica deportiva e apoiar aos numerosos nenos e mozos que forman parte das escolas e equipos federados de Mos.

Posteriormente á reunión, a comitiva, acompañada pola concelleira de Deportes, realizou unha visita aos diferentes campos de fútbol municipais. Esta visita permitiu ao novo presidente da Federación coñecer de primeira man a situación das instalacións e presentarse oficialmente ante os clubs e deportistas.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, subliñou “a importancia desta primeira toma de contacto para consolidar liñas de traballo conxuntas que redunden no beneficio da nosa mocidade e do tecido deportivo mosense”. Pola súa banda, Pablo Prieto agradeceu a acollida e asegurou que “a Federación estará ao lado dos concellos e dos clubs para seguir facendo medrar o fútbol galego dende a base”.

Esta visita marca un avance no compromiso compartido de apoiar o deporte de base e optimizar os espazos deportivos, baixo unha visión de futuro e unha forte coordinación entre as institucións implicadas.

O novo presidente da Federación Galega de Fútbol visita Mos para reforzar a...
Comentarios