A selección galega de campo a través regresou de Xetafe, onde se celebraron os Campionatos de España, cun fantástico balance de sete medallas: dous ouros, dúas pratas e tres bronces, ademais de once postos de finalista.

Campionatos de España Sub-16 e Sub-18:
O sábado comezou con forza para Galicia. O equipo masculino Sub-16 estivo a piques de subir ao podio, quedando a só dous puntos. Porén, a gran alegría chegou coa vitoria de Xoel Franco, que se proclamou campión de España nunha proba moi disputada, demostrando o seu talento no circuíto do Parque Cerro de los Ángeles. Ismael Rodríguez tamén destacou, acadando o sétimo posto e clasificándose como finalista. A selección feminina Sub-16, liderada por Carla Rioseco (13ª), conseguiu a 6ª posición por equipos, nunha proba gañada pola selección valenciana.

A continuación, a selección galega Sub-18 feminina, formada polas irmás Dameku e Debris Paniagua, Paula Fernández, Sabela Martínez, Eva Rouco e María Estévez, realizou unha excelente actuación. Nunha carreira de alto nivel, as atletas galegas lograron situar a cinco corredoras entre as vinte primeiras. Dameku e Debris Paniagua ofreceron un recital, acadando as medallas de prata e bronce respectivamente, contribuíndo, xunto ao posto de finalista de Paula Fernández e o resto do equipo, ao título de Campioas de España para a selección galega Sub-18 feminina.

Para rematar a xornada do sábado, a selección masculina Sub-18 sumou a última medalla para Galicia. Alex Sierpes, plusmarquista e campión de España, logrou un extraordinario subcampionato. Por equipos, a selección masculina Sub-18 acadou a 5ª posición, con Alejandro Santos, Mario Lorenzo e Luis Piña sumando puntos para o equipo galego.
Campionatos de España Absoluto, Sub-23, Sub-20 e Remudas Mixtas:
O domingo, as seleccións Absolutas, Sub-23, Sub-20 e Remudas mixtas continuaron coas boas actuacións galegas. A internacional Sub-20 Emma Méndez logrou unha meritoria medalla de bronce nun circuíto de 5.913 metros. Xunto coas puntuacións de Sandra González, Leyla Villar e Sara Guedes, contribuíu a que Galicia rematase na 4ª posición por seleccións.

O equipo masculino Sub-20 tamén conseguiu unha importante medalla de bronce por equipos, grazas ao esforzo de Teo de Frutos (8º), Iker Fernández (13º), Asheber Díaz (16º), Damian Suárez (30º), Anxo Bello e Pepe Sánchez.
Nos Sub-23, os equipos galegos acadaron o sétimo posto en ambas categorías, con Pedro Liste (16º) e Carmen Victoria González (23ª) como os mellores clasificados. A selección absoluta feminina tamén logrou un posto de finalista grazas á magnífica actuación de Laura Santos, que rematou 7ª. O equipo absoluto masculino acadou o 9º posto, con David de la Fuente (22º) como o seu mellor representante. Finalmente, o equipo de remudas mixto, integrado por Paula de la Torre, Fernando Vales, Pilar Rojo e Pedro Osorio, obtivo o 10º lugar.