martes. 28.05.2024

A pista cuberta de Expourense vivirá esta fin de semana en pleno ambente de entroido, o desenvolvemento dunha intensa xornada de campionatos polos que se agardan tomen parte algo máis de 1.500 atletas.

Será o sábado cando a partir das 10:00 horas comece a disputarse o Campionato Xunta de Galicia Sub16 na que tomarán parte destacados atletas galegos e galegas.

Entre eles salientamos a presencia sobre os 60 m. do plusmarquista galego do ADAS CUPA Aaron Pérez quen parte como favorito tanto nesta distancia como na de lonxitude sobre a que lidera o ranking nacional con 6.51 m.

Nos 300 m. Joel Santana do Celta fará valer a súa mellor marca de 37.90 ao igual Irma Veiguela do Ría Ferrol sobre a proba dos 600 m. con 1:38.43.

Atención ós 1000 m. no que tomarán parte os líderes do ranking nacional Xoel Otero do Beade con 2:40.39 e Mario Lorenzo do C.D. La Purísima con 2:41.37. Pola súa banda, a campioa de España dos 3.000 m. do ano pasado Sabela Castelo da Gimnástica, participará tanto sobre esta distancia como na dos 1.000 m. na procura de repetir a excelente tempada do 2023.

Nos 3.000 m. Enrique García-Boente da At. Lucense non debería ter problemas en lograr o título autonómico ao igual que Guillermo Pereiro da Gimnástica sobre a proba dos 60 valos.

Nos lanzamentos máxima atención a Hugo Casañas do Rías Baixas quen fai excasos días protagonizaba un novo récord de España da modalidade ao mandar o artefacto ata os 20.30 m.nada menos

A xornada do domingo estará reservada integramente para o desenvolvemento do Campionato Xunta de Galicia Sub18 que se poderá  presenciar en dobre xornada de mañá e tarde.

Ca mente posta no campionato de España do vindeiro día 25 deste mes, saltarán ao sintético de Expourense os máis importantes atletas galegos e galegas actuais da categoría.

Entre os mesmos cabe citar un dos pratos fortes do campionato, o man a man que manterán o bronce nacional Sub18 do ano pasado Daniel Salgueiro do Coruña Comarca e o subcampión Sub16  Javier Picos do Marineda At. sobre os 800 m. Sobre esta mesma distancia Sabela Martínez da Gimnástica fará valer os seus 2:13.15 que a sitúan nos postos top do ranking nacional.

O tamén campión de España Sub16 do ano pasado Alex Sierpes do Trega tomará parte na proba dos 3.000 m. que lidera a nivel estatal protagonizando, de igual modo con Iker Fernández de A Gándara, unha interesante final nos 1.500 m. A lucense Amparo Corredoira terá en Sabela Martínez da Gimnástica unha dura competidora sobre esta mesma distancia na categoría feminina.

Nos valos Leo Rodríguez do Celta con 8.21 parte como claro aspirante ao título ao igual que sobre o listón de altura, a medallista nacional Sub16 Iria Solera de La Purísima e Gael Couñago da A.D.Car na categoría masculina.

Por último, no círculo de peso tanto Gema Dacosta do Vila de Cangas como Eloy Couñago da Gimnástica aspiran como claros favoritos ao título galego nun concurso no que ocupan os primeiros postos do ranking nacional.

O entroido recibe o campionato Xunta de Galicia Sub16 e Sub18 indoor
Comentarios