lunes. 03.11.2025

O Concello de Mos celebrou hoxe unha recepción institucional para recoñecer os impresionantes logros do nadador local Marcos Garabatos na tempada 2024-2025. O xove deportista, do Club Natación Mos, foi recibido no salón de plenos pola alcaldesa, Nidia Arévalo, xunto coa corporación municipal, familiares e membros do seu club.

Entre os fitos máis destacados de Garabatos atópase a medalla de bronce nos 50 metros libres no Campionato de España Infantil de Verán. Nesta mesma proba, estableceu un novo récord galego de 14 anos, tanto nas eliminatorias como na final. A pesar de sufrir unha intoxicación alimentaria durante o campionato, tamén conseguiu ser finalista nos 50 metros bolboreta.

2
Homenaxe á dedicación e ao talento. O nadador Marcos Garabatos, acompañado da súa familia, recibe o recoñecemento da alcaldesa de Mos polos seus logros deportivos na última tempada.

Ao longo da tempada, o nadador infantil proclamouse varias veces campión galego en diversas modalidades e acadou mínimas nacionais en seis probas. A súa proxección quedou patente ao participar nos Campionatos Galegos Absolutos e ao bater varios récords galegos de 14 anos, tanto en piscina curta como longa, nas probas de 50 libre, 50 bolboreta e 100 libre.

O talento de Marcos Garabatos foi recoñecido tamén pola Federación Galega de Natación, que o convocou para catro concentracións do seu Grupo Especial de Seguimento.

A alcaldesa, Nidia Arévalo, subliñou que "Marcos Garabatos é un exemplo de superación, traballo e paixón polo deporte. É un orgullo para Mos contar cun talento coma el, que leva o nome do noso concello aos máis altos niveis da natación española". Con este acto, o Concello reafirma o seu compromiso de apoiar o deporte de base e recoñecer o esforzo dos deportistas que promoven a imaxe de Mos.

O Concello de Mos homenaxea a Marcos Garabatos polos seus éxitos na natación
Comentarios