domingo. 26.06.2022

Campionato de España de Embarcacións T850 e GT60

A proba que se celebrará este sábado en Tui está organizada pola Real Federación Galega de Motonáutica, en colaboración co Concello de Tui e a Comandancia Naval do Miño. Constará de catro mangas, das que serán puntuables as tres mellores de cada piloto. O circuíto, fronte as instalacións da Comandancia Naval, será rectangular cun percorrido de 1.500 metros, delimitado por boias.
Campionato de España Motonáutica.
Campionato de España Motonáutica.

O río Miño ao seu paso por Tui acolle esta fin de semana primeira das tres probas do Campionato de España de Embarcacións T850 e GT60. Participarán pilotos galegos, entre eles o vigués Keko Pereira, cataláns, andaluces e o inglés Cristian Burguess. As outras dúas probas celebraranse en Tarragona e Jeréz de la Frontera.

A proba que se celebrará este sábado en Tui está organizada pola Real Federación Galega de Motonáutica, en colaboración co Concello de Tui e a Comandancia Naval do Miño. Constará de catro mangas, das que serán puntuables as tres mellores de cada piloto. O circuíto, fronte as instalacións da Comandancia Naval, será rectangular cun percorrido de 1.500 metros, delimitado por boias.

A proba foi presentada este mediodía na Comandancia Naval do Miño, por parte do alcalde, Enrique Cabaleiro, o comandante Naval do Miño, Pablo Redondo, a deputada Iria Lamas, o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, o comisario xeral da proba e vicepresidente da Real Federación Galega de Motonáutica, Carlos Gago,  o piloto Keko Pereira, e o presidente de honra do Club Náutico San Telmo José Joaquín Rodríguez.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou na presentación que “ningún lugar mellor ca este para esta proba deportiva” engadindo que se trata dun “territorio privilexiado pola relación que temos con Valença”, e nunha competición que atraerá a afeccionados á motonáutica tanto galegos coma portugueses, dicía.

O rexedor tudense salientou tamén que actividades coma esta “serven para dar a coñecer e pór en valor a motonáutica” ao tempo que “contribúen á dinamización económica deste territorio”. Enrique Cabaleiro lembrou que ano pasado a proba celebrada en Tui xa foi un éxito e “ non teño a máis mínima dúbida de que este ano tamén o vai ser” afirmaba.

O comandante Naval do Miño, Pablo Redondo, indicou que “a Armada está sempre encantada de acoller este tipo de actividades e de ser anfitrións deste Campionato de España”.

Pola súa parte a deputada Iria Lamas, lembrou a “aposta polo deporte acuático” que fai a Deputación, para “que sexa un pulo para o turismo”, e nese senso afirmaba que “Tui é un sitio emblemático para dinamizar o turismo acuático”.

Carlos Gago, comisario xeral da proba e vicepresidente da Real Federación Galega de Motonáutica, agradecía a colaboración de autoridades, colaboradores e patrocinadores  indicando que “ é un orgullo para nós poder organizar unha proba neste entorno”.

Por último o piloto vigués Keko Pereira, que competirá coa embarcación coa que o ano pasado se proclamou subcampión de España, explicaba que o circuíto tudense é “moi rápido e especial pola corrente” engadindo que se trata tamén unha proba moi bonita polo enclave no que se realiza.

Mañá venres dende as 17 h terán lugar as verificacións técnicas e administrativas que continuará o sábado a partir das 8.30 h. Entre ás 10.30 e ás 11.15 h terán lugar os adestramentos libres. As mangas disputaranse ás 12.30 h, 14.00 h, 16.30 h, e 18.00 h, estando prevista a entrega de premios ás 19.30 h.

Campionato de España de Embarcacións T850 e GT60
Comentarios