viernes. 26.04.2024

A competición-espectáculo 'Breaking Battle Porriño' que constitúe a principal novidade da programación das Festas de San Bieito, celebrarase mañá sábado coa participación de preto de 40 mozos e mozas de toda Galicia que practican esta modalidade deportiva que será olímpica nos Xogos de París 2024. Entre os participantes estarán David Amor, un mozo de Neda de 14 anos que xa é o segundo no ranking nacional desta modalidade e foi medalla de bronce no Campionato de España en 2020; e a rapaza ourensá, Alicia Babarro, de 10 anos que actualmente lidera a Liga Galega de Breaking en categoría iniciación.

O evento, incluído pola Concellería de Cultura na programación das festas, terá lugar por primeira vez na nosa vila. Aínda que inicialmente estaba previsto na praza de San Sebastián, acordouse trasladar ao auditorio exterior do Centro Cultural Municipal onde se montará unha pista de PVC. Ademais haberá un espazo con cadeiras reservado para o público asistente e os acompañantes dos participantes.

A concelleira Cami Moreira subliñou “o esforzo conxunto da OMIX do Porriño e das concellerías de Deportes e Festas para achegar novas propostas de lecer, cambiando rexistros e organizando eventos máis demandados pola mocidade”.

A competición durará catro horas (entre as 17:00 e as 21:00) e será "mediante sistema de eliminatorias ata chegar a unha final de un contra un. Tres xuíces, dous galegos e un andaluz, encargaranse da puntuación e control da competición", segundo explicou Pablo Castiñeira, responsable de “Vella Escola”, produtora do evento.

'Breaking Battle Porriño' conta con David Amor, un mozo de Neda segundo no ranking...