A Xunta de Galicia acaba de abrir o prazo para que os profesionais do sector do libro soliciten axudas para participar en actividades de difusión e comercialización fóra de Galicia que se celebren entre o 1 de xaneiro e o 15 de decembro deste ano. Para tal fin, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destina un total de 30.000 €.
A convocatoria, publicada no Diario Oficial de Galicia, estará aberta ata o 1 de xullo e diríxese a escritores, ilustradores e editores que desexen participar en eventos como feiras, festivais, seminarios, encontros, talleres e estadías. O obxectivo é favorecer a creación e promoción do libro en galego.
As solicitudes poden presentarse tanto de xeito presencial como a través da sede electrónica da Xunta. As axudas subvencionan os gastos de viaxe (aloxamento e transporte) para asistir a un máximo de dúas actividades por solicitante. No caso das empresas editoras, poden designar ata dúas persoas para asistir a un mesmo evento ou a diferentes, sempre que cada traballador non supere as dúas actividades.
A contía das axudas varía segundo o destino: 500 € para desprazamentos dentro de España, 900 € para Europa e países ribeiráns do Mediterráneo, e 1.600 € para o resto do mundo. A orde de axudas prevé a posibilidade de ampliar estes importes en función da dispoñibilidade orzamentaria.
O ano pasado, unha trintena de profesionais beneficiáronse destas axudas para asistir a eventos en cidades como Madrid, Barcelona, Granada ou Xixón, así como a citas internacionais en México, Italia, Alemaña, Francia, Arxentina, Suíza ou Kenya.