martes. 25.06.2024

O Museo de Pontevedra organizará o 30 de maio, de 11:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:00 horas, a xornada de acceso libre “Arredor de Alfredo García Alén. A vida, a obra, o Museo”. Contempla seis conferencias e unha mesa redonda nas que se afondará na figura deste investigador pontevedrés que destacou no campo da arqueoloxía e etnografía, foi secretario e director adxunto do Museo, unha das figuras máis relevantes na súa historia, gran defensor do patrimonio cultural galego e do que en 2023 se cumpriron cen anos do seu nacemento. 

O exdirector do Museo, Xosé Carlos Valle Pérez, abrirá a xornada coa conferencia “Alfredo García Alén. Vida e obra. Unha nova lectura”. Seguiralle a disertación do arqueólogo Mateo Fontán sobre a súa biografía e influencia. O encargado de pechar a sesión matinal será o investigador e exsecretario técnico do Museo, Xosé Fuentes Alende, coa conferencia “Alfredo García Alén: unha vida para o Museo, un home para servir a Galicia”.

Pola tarde desenvolveranse outras tres conferencias centradas no seu labor como investigador: Xosé Carlos Sierra, exdirector do Museo Etnográfico de Ribadavia falará da relación de García Alén coa etnografía; Antonio de la Peña, exconservador de fondos arqueolóxicos do Museo de Pontevedra, pronunciará a conferencia “D. Alfredo, mestre e amigo: uns cantos recordos e algo de arqueoloxía” e o arqueólogo e historiador Ramón Patiño falará da orixe e da historia do Grupo de Arqueloxía Alfredo García Alén. A xornada pecharase cunha mesa redonda moderada por Ana Barbazán, exbibliotecaria do Museo.

As persoas que queiran un certificado de asistencia a esta xornada deberanse inscribir previamente en [email protected].

UN APAIXONADO DA CULTURA GALEGA

A vida e a obra de Alfredo García Alén (Pontevedra, 1923-1981) están intimamente ligadas ao Museo de Pontevedra, ao que accedeu como alumno colaborador e onde ocuparía, anos máis tarde, as prazas de secretario e director adxunto, traballos que compaxinou coa docencia no Instituto de Pontevedra. No museo desenvolveu, ademais, un inxente labor como investigador en arqueoloxía e etnografía.

Home de vasto coñecemento e apaixonado pola cultura galega e polo mundo rural, Alfredo García Alén estudou a prehistoria, as tradicións e o folclore galegos, nomeadamente as crenzas mariñeiras e a cerámica popular. Inspirou a creación do Grupo de Arqueoloxía Alfredo García Alén, fundado dentro do Servizo de Arqueoloxía do Museo de Pontevedra tras o seu prematuro falecemento e integrado polo equipo heteroxéneo de persoas investigadoras profesionais e afeccionadas que acompañaran o arqueólogo nas escavacións, tamén subacuáticas, na catalogación e nas datacións de boa parte do patrimonio arqueolóxico da provincia nun momento álxido da disciplina e previo á súa institucionalización nos anos oitenta.

Foi, ademais, membro de institucións coma a Real Academia Galega, tamén da de Belas Artes e da de Historia, do Instituto Padre Sarmiento e do Museo do Pobo Galego. Mestre e licenciado en Dereito e Filosofía e Letras, foi doutor cunha tese sobre cerámica popular galega.

Xornada sobre Alfredo García Alén, figura fundamental da historia do Museo de Pontevedra
Comentarios