viernes. 06.12.2024

Tu Otra Bonita e Ciudad Jara conforman o cartel da segunda xornada de concertos do SonRías Baixas, unha das citas musicais imprescindibles do verán en Galicia que, do 3 ao 8 de agosto, está a encher de enerxía, diversión e contundencia o Recinto Multiusos da Estacada de Bueu, no Morrazo.  

Concierto de Té Canela en el Festival SonRias Baixas en Bueu. ROCIO CIBES.

Tu Otra Bonita | Mércores 4 de agosto, 21.00h

No verán de 2017 os temas canallas desta banda madrileña chegaron a todos os ouvidos. Desde entón, a súa fusión e mestura exquisita de estilos, desde o indie até a rumba, fan de Tu Otra Bonita unha desas bandas imprescindibles nunha cita enérxica e festiva como SonRías Baixas. Ao ciclo chegan para dar a coñecer o seu cuarto disco, Crema, no que colaboran Macaco, La Pegatina ou Juanito Makandé.

Ciudad Jara | Mércores 4 de agosto, 22.30h

O novo proxecto de Pablo Sánchez, líder e compositor de La Raíz, chega por vez primeira a Galicia. Ciudad Jara publica no 2020 Donde nace el infarto, un traballo que bebe de múltiples fontes que se reflicten nas letras e na voz de Pablo, que transita entre o rock, a canción de autor e o pop. Logo de presentar o disco en Barcelona, Madrid ou Zaragoza, Ciudad Jara chega ao ciclo SonRías para presentar o álbum en formato acústico.

O cartel

Kase.O, Sés, La M.O.D.A., La Pegatina, Travis Birds, Muerdo, TéCanela, Sabela, ISEO & Dodosound, Ciudad Jara, Tu Otra Bonita e SonDaRúa conforman o cartel deste SonRías Baixas 2021, no que o festival se adapta ao contexto sociosanitario e se transforma nun ciclo de concertos, con dous directos por xornada ateigados do espírito SonRías.

Entradas


Aínda quedan entradas dispoñibles para gozar desta segunda tarde-noite de concertos do SonRías Baixas, ao igual que para a xornada do xoves 5 (Travis Birds e Iseo & Dodosound). Pola contra, as entradas para os directos de La M.O.D.A e Sabela (venres 6) e de Kase.O e SonDaRúa (sábado 7) xa están esgotadas desde hai días. Con todo, as e os entusiastas da música ao vivo terán o domingo 8 unha bóla extra: aínda quedan entradas dispoñibles para gozar dos novos espectáculos de dous vellos coñecidos do festival, Muerdo e La Pegatina. Precisamente esta última é unha das bandas máis queridas polo público do SonRías, ademais dun dos grandes reclamos desta edición. 


Protocolo covid-19

O ciclo, que cumpre en todo momento a normativa sociosanitaria vixente en Galicia, conta cun protocolo covid-19 propio coordinado polo Servizo Galego de Saúde (Sergas), o  que garante a seguridade do público durante a súa celebración. O Recinto Multiusos da Estacada está dividido en sectores, con equipamentos independentes en cada zona, e con circuítos de percorridos sinalizados para facilitar o tránsito e garantir as distancias de seguridade. O recinto conta con tres zonas diferenciadas, en función do prezo e da distancia co Escenario Xacobeo 21-22); e cada unha delas está dividida, a súa vez, en sectores que contan con servizos independentes (aseos, barra, zona de recarga da pulseira cashless e punto de merchandising). Estes espazos teñen unha capacidade máxima de 500 persoas.

Os accesos ao recinto están regulados e debidamente indicados. As persoas con entrada xa recibiron nos seus correos electrónicos as indicacións pertinentes sobre como acceder as súas localidades, horarios recomendados e outros consellos, información que tamén se pode consultar no sitio web www.sonriasbaixas.info. Todo o recinto conta con sinalización específica e o persoal da organización é o responsable de indicar ao público o camiño ata os seus respectivos sectores; momento no que lle ofrecen a posibilidade de obter, gratuitamente, as pulseiras cashless, o único sistema de pago válido no interior do recinto. Durante o ciclo de concertos, o público pode recargar o seu saldo desde os seus dispositivos móbiles, mediante uns innovadores tótems distribuídos ao longo do recinto; ou nos puntos de recarga das pulseiras.



SONRÍAS BAIXAS 2021. AXENDA MÉRCORES 4 DE AGOSTO
19.30 horas - Apertura de portas
21.00 horas -Tu Otra Bonita
22.30 horas - Ciudad Jara

Tu Otra Bonita e Ciudad Jara actuarán en SonRías Baixas