Unha traxedia grega e unha comedia romana serán representadas o vindeiro martes, 24 de febreiro, no Teatro Municipal de Tui, na primeira cita deste ano do Festival de Teatro Grecolatino organizado pola Sección Galega da Sociedade Española de Estudos Clásicos (SEEC Galicia), coa colaboración do Concello de Tui.
A xornada contará con dúas funcións a cargo do grupo coruñés Noite Bohemia. Ás 12.00 horas, 513 alumnos e alumnas asistirán á representación de “Helena” de Eurípides, mentres que ás 17.00 horas será a quenda de “Cásina” de Plauto, con 401 estudantes no público.
Participarán centros educativos de Tui e doutras localidades como A Cañiza, Pontevedra, Vigo, Nigrán, Redondela, Ribeira, Moaña ou Ponteareas, entre outras, convertendo a cita nun encontro cultural de referencia para o alumnado de Secundaria.
Dende hai seis anos, o Teatro Municipal de Tui é unha das sedes deste festival, que continuará a súa edición de 2026 o 25 de febreiro no Teatro Colón da Coruña e os días 3 e 4 de marzo no Auditorio Gustavo Freire de Lugo.
O Festival de Teatro Grecolatino, promovido por SEEC Galicia desde 2011, ten como obxectivo achegar ao estudantado as grandes obras do teatro grego e romano clásico, mantendo viva a tradición escénica da Antigüidade.
