viernes. 03.05.2024

XV Mostra de Teatro Amador 'Terras do Orcellón' programou unha fin de semana teatreira.

O documento
'O documento' de Ollomao. 

O sábado 29 o grupo Ollomao (gañador no 2021 do Premio Tiruleque pola comedia Academia Álvarez) representará 'O Documento', Un desfile de personaxes que deambulan entre o real e o grotesco no escenario dunha fraga irreal (ou se cadra non tanto) no que se suceden historias de amores imposibles e amores desgraciados que ameazan con converterse en suicidios. Un rapaz namorado que se sente enganado pola súa namorada e se quere suicidar. Unha tía goberneira e “interesosa”. Médicos que só pensan nos cartos. Un cura namoradizo. Un capitán fachendoso. Unha rapaza namorada que se ve metida en leas sen ter nada que ver. Un grupo de xentes facendo, en certo modo, a función de coro do teatro clásico. Unha taberneira que asiste como testemuña (case muda) a todo este desfile.

O domingo 30 o grupo Achádego visita O Carballiño con 'Nadal na casa dos Lamelo'

Unha familia que prepara un ano máis o Nadal, un dos días máis familiares do ano, serve de escusa para esta comedia na que realidade e ilusión, tradición e modernidade, conflito social e conflito persoal, entrelázanse poñendo fronte a nós un espello no que mirarnos, un lugar onde recoñecernos na forma ou no fondo. O fogar tamén está cheo de recordos, de momentos vividos e de relacións entre aquelas persoas que o habitan. Pero demasiados adultos nesta mesma casa, son demasiadas manías, obsesións, medos, inseguridades e intereses. O fogar pódese destruír dende fóra ou dende dentro, e como rico ecosistema que é, tamén é fráxil. Nadal na casa dos Lamelo afonda nas relacións humanas e xoga cos típicos conflitos familiares. Vivimos tempos convulsos e difíciles, non é doado saír adiante e facer que todo funcione, menos mal que sempre podemos contar coa familia... ou non?


 

Teatro Amador 'Terras do Orcellón' cos grupos Ollomao e Achádego esta fin de semana
Comentarios