lunes. 03.11.2025

 A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), en colaboración coa Deputación da Coruña, organiza o ciclo de conferencias “Velando pola nosa relación co mar. Os mares dannos vida”. As charlas terán lugar do luns 16 ao xoves 19 de xuño, de 16:30 a 20:00 horas, e poderanse seguir tanto presencialmente como en directo a través da canle de YouTube da RAGC.

Joaquín Tintoré.
Joaquín Tintoré.

A primeira xornada celebrarase este luns no Castelo de Santa Cruz, en Oleiros, sede do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia). Contará coa presenza do presidente da RAGC, Juan Lema, e os coordinadores do ciclo, os científicos do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (IIM-CSIC) Fiz Fernández (académico da RAGC) e Miguel Gil. "Nesta xornada presentaranse as tecnoloxías coas que os científicos observan os mares, desde os grandes sistemas de teledetección con satélites ata instrumentos máis pequenos como os drons. Así mesmo, abordaremos a importancia de mirar o mar para entender que está a pasar nel, grazas a sistemas de observación tanto no Mediterráneo como nas costas galegas”, explican os coordinadores.


Drones e teledetección: ollos no mar

A xornada comezará coa intervención de Gabriel Navarro, investigador do Instituto de Ciencias Marinas de Andalucía (CSIC), quen explicará como a teledetección e os drons revolucionaron a observación mariña. “Permiten obter datos precisos e actualizados, fundamentais para comprender os procesos ecolóxicos e o impacto do cambio climático sobre os océanos e os seus hábitats, achegando información clave para a elaboración de modelos preditivos que axuden á súa conservación”, asegura Navarro.

Gabriel Navarro.
Gabriel Navarro.

O experto subliña que a teledetección, mediante satélites e sensores aéreos, permite capturar imaxes e datos cruciais como o aumento da temperatura da auga, a concentración de partículas en suspensión, a calidade da auga, o branqueamento de corais, a acidificación dos mares e outros fenómenos asociados ao cambio climático. Pola súa banda, os drons facilitan o acceso a zonas costeiras de difícil acceso, ofrecendo unha visión detallada e en tempo real dos cambios no medio mariño.


A observación continua do medio mariño galego

Silvia Torres, coordinadora da Unidade de Tecnoloxías Mariñas do Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR) de Vigo, abordará a observación do medio mariño galego. Destaca que Galicia, influenciada polo afloramento costeiro, é unha rexión de alta produtividade biolóxica, o que fai imprescindible contar con sistemas de observación para unha xestión informada e eficiente.

Nesta liña, o Observatorio Costeiro de Galicia dispón de infraestruturas e redes de observación que proporcionan información de forma continua. Na actualidade, operan seis plataformas, algunhas en funcionamento desde 2007, que transmiten datos en tempo real de temperatura, salinidade, correntes e condicións meteorolóxicas. Ademais, semanalmente recóllense datos en 43 estacións oceanográficas das Rías Baixas e o Golfo Ártabro, proporcionando información doutros parámetros bioxeoquímicos. "Estas series de datos, iniciadas en 1992, representan un dos rexistros máis extensos no ámbito oceanográfico”, apunta a investigadora.

Plataforma en Cies.
Plataforma en Cies.

A isto súmase a rede de radares de alta frecuencia, con cinco estacións en Galicia e o norte de Portugal, que xera mapas de correntes superficiais con alcance de ata 100 millas náuticas, útil para a seguridade marítima no Corredor Marítimo de Fisterra. A rede de estacións meteorolóxicas costeiras tamén proporciona información en tempo real. Ademais da observación de parámetros físico-químicos, estase estendendo a observación á xestión de recursos como a dispoñibilidade de semente de mexillón ou o seguimento do cultivo.

Silvia Torres subliña a dispoñibilidade en aberto da maioría destes datos, que permitiron a validación de modelos de predición e a xeración de estudos, produtos e servizos como os boletíns de predición océano-meteorolóxica para as confrarías, visores especializados e o xestor operativo do Plan Camgal para emerxencias ambientais.


Os xemelgos dixitais do océano para a súa protección

Joaquín Tintoré, investigador do Instituto Mediterráneo de Estudios Avanzados (Palma de Mallorca) e director do Sistema de Observación y Predicción Costero de las Islas Baleares (SOCIB), explicará como desde o SOCIB desenvolven ferramentas e indicadores para apoiar a toma de decisións en cuestións como as ondas de calor mariñas ou o papel da capa superficial do mar en fenómenos meteorolóxicos extremos invernais.

O SOCIB tamén conta con capacidades avanzadas de predición oceánica, como a predición de meteotsunamis. Para 2030, o organismo aceptou o reto de desenvolver xemelgos dixitais do Mediterráneo occidental, unha plataforma que actuará como laboratorio de investigación e innovación, permitindo o seguimento e simulación das interaccións entre os procesos oceánicos e costeiros e a súa relación coas actividades humanas baixo diferentes escenarios climáticos, proporcionando ferramentas para a toma de decisións e a protección dos nosos mares.

Para participar neste ciclo, de xeito presencial ou en liña, é necesario realizar inscrición previa.


A Real Academia Galega de Ciencias e a Deputación da Coruña impulsan un ciclo sobre a...
Comentarios