A Deputación de Pontevedra puxo este luns á disposición do público “A pandeireta galega. Actualización dun instrumento ancestral”, unha exposición itinerante do Consello da Cultura Galega que poderá visitarse ata o 27 de febreiro no vestíbulo principal do Pazo provincial.
O deputado de Cultura, Jorge Cubela, participou nos actos de inauguración xunto coa presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e cos comisarios da mostra, Luciano Pérez Díaz e Suso Vaamonde Manteiga, nunha xornada que tamén incluíu unha sesión de relatorios arredor do instrumento e da súa evolución.
Cubela cualificou a exposición como “moi relevante para a posta en valor do noso patrimonio cultural”, destacando que serve para reivindicar a vixencia da pandeireta, defender a necesidade de preservar este legado e subliñar que “pode e debe convivir coas manifestacións e correntes máis actuais” do panorama musical galego. O deputado lembrou que a mostra nace no contexto do recoñecemento das Letras Galegas 2025 ás cantareiras e puxo en valor o traballo da Deputación para difundir o seu legado. Nesa liña, sinalou que desde o pasado xoves xa se pode ver o cuarto dos cinco episodios do proxecto “Mozas da miña aldea”, centrado nesta ocasión nas mulleres do Val de Tielas (Covelo).
A exposición presenta a pandeireta como un testemuño vivo da memoria cultural de Galicia, e defende que a tradición só se mantén forte cando dialoga co presente. Neste sentido, a mostra reivindica que a innovación en materiais, técnicas e formas de interpretación non implica romper co herdado, senón abrir novas posibilidades de futuro. Ademais, achega o labor de mestres artesáns, músicos e estudosos da pandeireta a través dun formato de xornadas-exposición con valor pedagóxico, co obxectivo de fomentar e proxectar esta parte do patrimonio sonoro galego.
Outro dos propósitos é contribuír aos fondos do Arquivo Sonoro de Galicia, incorporando documentos históricos e de nova creación para poñelos á disposición da sociedade, seguindo a liña de traballos previos como as gravacións de Dorothé Schubarth e Antón Santamarina.
Relatorios na inauguración
A sesión inaugural contou co relatorio “O instrumento hoxe. Métodos e novas técnicas de interpretación, uso e enfoque dos toques tradicionais”, no que Suso Vaamonde amosou os primeiros estudos acústicos do instrumento que pasarán a formar parte do Arquivo Sonoro de Galicia e presentou o método “Nova técnica de pandeireta galega”.
Tamén se afondou en “A cega de Miranda e a mudanza dos roles: pandeireteiros na vida da mítica cantareira”, a cargo de Ricardo Polín, que presentou o estudo “Dolores, A Cega de Miranda (na súa noite máis clara)”. A programación completouse coa intervención de Arturo Lamas Braña, co relatorio “A percusión de man no Real Coro Toxos e Froles de Ferrol”.
