O profesor Francisco Peña Castiñeira presentará este mércores, 4 de xuño, ás 20:00 horas na Sala Félix Rodríguez de Tui o seu novo libro “Rumbo á saúde ambiental planetaria e a un mundo novo: as claves para afrontar as grandes ameazas do século XXI”. A obra é o resultado de cinco anos de intenso traballo, onde o autor aglutina coñecemento, experiencia e unha visión de futuro sobre os desafíos ambientais.
En “Rumbo á saúde ambiental planetaria e a un mundo novo”, Francisco Peña transcende os datos puramente científicos para abordar a saúde ambiental desde perspectivas sociais, económicas e políticas. O libro convida á reflexión e á acción en prol dun futuro máis sostible para o planeta.
Francisco Peña Castiñeira é doutor en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e diplomado en Sanidade. Cunha traxectoria de 45 anos dedicado á saúde ambiental, un concepto que evolucionou de "estraño" a fundamental na axenda global, Peña afonda en diversas cuestións ambientais: biodiversidade, natureza, educación, ruído, residuos e, con especial atención, o cambio climático. O autor sostén que, aínda que irreversible, os seus efectos poden ser mitigados mediante a colaboración cidadá e a adaptación.
A concelleira de Cultura de Tui, Sonsoles Vicente Solla, agradeceu a presenza de Francisco Peña para presentar esta obra na véspera do Día Mundial do Medio Ambiente, unha iniciativa coa que o Concello busca sensibilizar á cidadanía sobre a importancia da saúde ambiental. A concelleira engadiu que o acto está dirixido a todas aquelas persoas preocupadas polo futuro do planeta e que desexan contribuír á construción dun mundo sostible.
