Os Premios da Industria Musical de Galicia entran na recta final coa gala deste xoves en Santiago
Os Premios da Industria Musical de Galicia, impulsados pola Asociación Galega das Empresas Musicais (AGEM) co apoio da Xunta de Galicia, a través da Agencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e da Deputación da Coruña, quentan motores para a súa gala de entrega este xoves, 27 de novembro, en Santiago de Compostela. O evento celebrarase na Sala Capitol a partir das 19.30 horas. Así o anunciou esta mañá a Xunta Directiva de AGEM, que realizou unha visita á montaxe da gala xunto ao director da Agadic, Jacobo Sutil.
Como novidade, AGEM comunicou que a pontevedresa Tamara García Romero será a presentadora encargada de conducir unha noite na que se desvelarán os gañadores e gañadoras das diferentes categorías, ademais de facer entrega dos galardóns correspondentes. A música continuará ao remate da gala coa sesión a cargo de Señora DJ, encargada de pechar a velada.
SOBRE OS I PREMIOS DA INDUSTRIA MUSICAL DE GALICIA
Os Premios da Industria Musical de Galicia nacen da man de AGEM, entidade que defende os intereses profesionais das empresas galegas vinculadas á xestión cultural e aos espectáculos de música ao vivo. A iniciativa pretende visibilizar e poñer en valor traxectorias, proxectos e iniciativas do ecosistema musical galego que destaquen polo seu compromiso coa creatividade, innovación, respecto e sustentabilidade, converténdose en modelos a seguir dentro do sector profesional.
A presidenta de AGEM, Patricia Hermida, salientou que “a música galega vive un momento de madurez e diversidade extraordinarias. Os I Premios da Industria Musical de Galicia nacen para celebralo, para agradecer o talento e o compromiso de quen fai posible o seu crecemento, e para recoñecer o valor das persoas e proxectos que converten a nosa industria nun motor cultural e humano para Galicia”.
Deste xeito, estes premios —promovidos por AGEM co apoio da Xunta de Galicia, a través de Agadic, e da Deputación da Coruña— queren fortalecer a industria musical galega como motor cultural, social e económico. A súa creación enmárcase no Plan Estratéxico da Industria Musical de Galicia, impulsado por AGEM e a Xunta.
Un xurado independente, formado por profesionais da comunicación, divulgación musical, produción, creación artística, sustentabilidade e emprendemento cultural, foi o encargado de propor as candidaturas e seleccionar as finalistas, así como de outorgar os premios nas 14 categorías profesionais, que se farán públicas na gala deste xoves. A súa misión é destacar persoas, empresas e proxectos que contribúan ao avance colectivo do sector e representen boas prácticas na industria musical galega.
Os premios inclúen 17 categorías:
• 14 decididas polo xurado profesional (deseño de iluminación, implementación de son, provedores de servizos, produción, management, produción discográfica, posta en escena, programación, comunicación, identidade visual, videoclip, evento cultural/musical, espazo musical e proxecto de sustentabilidade).
• 2 recoñecementos outorgados directamente pola Xunta Directiva de AGEM: artista do ano (Carlos Ares) e persoa do ano (Francisco Gómez ‘Gandy’).
• 1 premio por votación popular: excelencia na experiencia do público, que nesta edición recaeu en Surfing The Lérez.
A relación completa de iniciativas e profesionais finalistas nas categorías xerais inclúese no documento oficial difundido por AGEM, con representación ampla de proxectos, festivais, espazos musicais e artistas de referencia de todo o territorio galego.
A noite deste 27 de novembro, a Sala Capitol acollerá un encontro sectorial que pretende ser próximo e integrador, promovendo a cooperación e o intercambio entre os diferentes axentes da industria musical galega.