O Concello do Porriño vén de presentar unha nova edición do ciclo Fegateatro, que nesta ocasión ofrecerá cinco representacións teatrais en diferentes parroquias do municipio ata finais de ano. A iniciativa, consolidada xa como unha das citas culturais máis destacadas do outono, busca achegar as artes escénicas a todos os recunchos do concello, tamén ás zonas rurais.
A primeira representación será este sábado, día 25 de outubro, ás 19:00 horas, no local da Asociación As Mimosas de Carracido, onde o grupo Ateaco representará a obra “O home que perdeu a inmortalidade”.
A seguinte parada será na Asociación Cultural Penediños de Atios, o domingo 16 de novembro ás 17:00 horas, coa posta en escena de “O Randiña”, a cargo da Asociación Pico do Castro de Foz.
Xa o domingo 23 de novembro, ás 18:00 horas, o grupo de teatro das Aras representará “(H)umanidade” na Asociación de Veciños San Salvador de Torneiros.
Tamén en Torneiros, pero no Centro Cultural Alba, o sábado 20 de decembro ás 19:30 horas, o grupo Ollomao Teatro subirá ao escenario con “Pan con chocolate”. O ciclo pecharase o domingo 21 de decembro ás 18:00 horas, coa obra “O lago das nenas malas”, que interpretará o grupo de teatro Lameiro na Asociación Cultural A Forna de Budiño.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que “Fegateatro é unha oportunidade para achegar a cultura a todos os recunchos do noso concello, tamén ás parroquias e ao rural. Apostamos por descentralizar a oferta cultural, dar vida ás entidades veciñais e recoñecer o papel fundamental que teñen as parroquias como espazos de dinamización social e cultural”.
Con esta programación, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso coa promoción das artes escénicas e coa igualdade de acceso á cultura, convertendo as parroquias en auténticos escenarios abertos á creatividade, á convivencia e á participación cidadá.
