A Panadaría despídese en Tui tras doce anos de teatro valente, fresco e comprometido

Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman, integrantes de A Panadaría, durante a presentación en Tui da súa derradeira función como compañía.
A Panadaría despedirase este sábado en Tui tras doce anos de creación teatral valente e comprometida, cunha última función de As que limpan que promete encher o teatro.

Un teatro comprometido, actual, fresco e con humor. Así teñen sido desde 2013 as propostas escénicas de A Panadaría, a compañía formada por Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman, que este sábado se despedirá definitivamente como grupo teatral. Hoxe, sobre o escenario do teatro municipal de Tui —o mesmo no que este sábado ofrecerán a súa derradeira función de As que limpan—, as intérpretes fixeron balance de doce anos de creación.

Ao longo deste tempo, A Panadaría asinou catro montaxes que marcaron un antes e un despois no teatro galego contemporáneo: “Pan!Pan!”, “Panamericana”, “Elisa e Marcela” e “As que limpan”. Obras que lles valeron numerosos recoñecementos, incluíndo varios Premios María Casares, ademais do apoio constante do público en cada xira.

Última función en Tui: pechar o círculo onde todo comezou

A función deste sábado terá un significado especial. A compañía prepárase para despedirse en Tui cun teatro practicamente cheo —quedan poucas entradas sen vender—, polo que máis de 500 persoas serán testemuñas deste final de etapa.

A elección de Tui non é casual: aquí estrearon As que limpan en febreiro de 2022, e aquí pecharán o ciclo da peza, que, segundo explicaron hoxe, foi evolucionando ao ritmo da actualidade, incorporando referencias tan diversas como o caso Rubiales ou o xenocidio en Gaza.

As tres integrantes recoñeceron que “transitar este momento non é doado”, porque a despedida doe, pero tamén afirmaron que “era necesaria”.

Recoñecemento do Concello de Tui

A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, trasladou o agradecemento do Concello a estas “mulleres valentes” e destacou “o seu magnífico talento”, ademais de convidar ao público a ser parte desta despedida tan especial.

Entradas á venda

A última cita con A Panadaría e a súa obra As que limpan será este sábado ás 20.00 h no Teatro Municipal de Tui.
As últimas entradas están dispoñibles en tui.gal a prezos de 10 € e 7,5 €.