jueves. 25.04.2024

Talía Teatro regresa mañá aos escenarios coa estrea do seu novo espectáculo para público familiar, Voa, voa!, que poderá verse ás 20,00 h. na Casa da Cultura de Cee, localidade orixinaria da compañía, onde repetirá función o xoves 16, ás 12,00 h. A peza, escrita e dirixida por Artur Trillo, conta cun dobre apoio da Consellería de Cultura e Turismo a través das subvencións á creación escénica e do programa de dinamización lingüística FalaRedes, no marco do que este verán poderá verse nunha quincena de concellos.

Así o subliñou este mediodía o director da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, durante a presentación da estrea, na que tamén participaron a alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, así como Artur Trillo e os intérpretes María Ordóñez e Toño Casais. Na súa intervención, destacou igualmente que a compañía regresa a Cee para retomar a actividade no mesmo punto onde se atopaba no momento da declaración do estado de alarma, que lle obrigou a adiar estas representacións, inicialmente previstas para o mes de abril.

PERCORRIDO

Ao tempo, reactívase a programación habitual de FalaRedes, circuíto da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta, dentro do que Talía Teatro levará este espectáculo a outras 14 localidades, con funcións gratuítas ata completar a capacidade e especialmente pensadas para familias e cativada ata os 8 anos.

Como detallou o director da Agadic, Voa voa! poderá verse este mes de xullo en Noia, Carral, A Laracha, Moraña, Guntín, Foz, Vedra, Portas e O Carballiño, e durante agosto, no Pereiro de Aguiar, A Estrada, Ribadavia, Triacastela e Muros. “Serán, por suposto, representacións adaptadas á nova situación derivada da covid-19, procurando espazos exteriores, ocupacións reducidas, e co cumprimento de todas as medidas sanitarias precisas”, explicou.

En nome da Consellería, trasladoulle á compañía a satisfacción por ter contribuído a facer realidade este novo proxecto de Talía Teatro que, nas súas palabras, “continúa a reafirmarse, tamén nesta nova normalidade, como unha das compañías escénicas máis activas e prolíficas coas que contamos no país”.

Divulgar e relembrar a arte de xogar coas palabras e, segundo a compañía, o principal obxectivo deste espectáculo para toda a familia. Así, a través dos nenos que interpretan María Ordoñez e Toño Casais, Voa, voa! recupera retrousos, xogos de man e ditos populares que se foron transmitindo de xeración en xeración, ademais de animar especialmente os máis maiores da casa a compartir cos pequenos os seus xogos da infancia e o vocabulario que empregaban.

Toda a información e calendario de funcións no Portal da Lingua Galega e na Axenda de Cultura de Galicia.

Novo espectáculo familiar de Talía Teatro