domingo. 26.06.2022

O museo como escenario

Así, a partir das propostas de Rosana Antolí, Marta Pazos e Berio Molina, os espazos do CGAC convértense nos próximos meses nun lugar de produción e experimentación onde as instalacións creadas polos artistas para este proxecto funcionan de xeito autónomo, pero tamén poden ser activadas polo espectador.  
En Dislocación Berio Molina (A Fonsagrada, Lugo, 1979) propón un exercicio de toma de posesión do museo.
En Dislocación Berio Molina (A Fonsagrada, Lugo, 1979) propón un exercicio de toma de posesión do museo.

Baixo o título O museo como escenario, o CGAC acolle desde hoxe unha mostra experimental sobre as artes vivas, a performance e os fenómenos escénicos que poderá visitarse ata o día 2 de outubro.

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación da mostra, na que estivo acompañado do director do CGAC, Santiago Olmo; do comisario da exposición, Iñaki martínez, e das artistas Rosana Antolí, Berio Molina e Marta Pazos.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades subliñou que este proxecto busca converter o museo nun espazo escénico onde os espectadores teñen a posibilidade de experimentar coa arte dun xeito diferente. O museo como escenario incide en como ao longo do século XX a performance entendida como actuación sen escenario ou outros fenómenos como a danza ou as artes visuais son capaces de transformar as salas dun museo.

Así, a partir das propostas de Rosana Antolí, Marta Pazos e Berio Molina, os espazos do CGAC convértense nos próximos meses nun lugar de produción e experimentación onde as instalacións creadas polos artistas para este proxecto funcionan de xeito autónomo, pero tamén poden ser activadas polo espectador.  

EXPOSTAS

Rosana Antolí presenta A charca, que funciona como espazo coreográfico con estrutura dunha ópera clásica é conta a historia ficcionada sobre un paraíso perdido e resistente dentro dunha charca no medio da nada, convidando así a entender a hibridación entre especies.

En Dislocación Berio Molina propón un exercicio de toma de posesión do museo. Durante nove días, habitará as salas do CGAC xunto a Alejandra Pombo e Calís Pato, facendo funcionar as bucinas instaladas na terraza do centro. Os performers (bucineiros) decidirán cando tocalas. Só poderán falar entre eles durante as comidas e terán unha palabra de seguridade por se nalgún momento teñen que saír da acción. Un deles gravará en vídeo indefinidamente, sen pausa, todo o que ocorra. Ao final do día acabará cunhas 18 cintas gravadas (unha por hora) e, tras nove días de acción, editarase unha película que funcionará como resumo de todo o sucedido.

Marta Pazos en Contemplación presenta unha instalación a modo de gran piscina habitada por unha escultura xigante que se ancora á parede e á que se adhiren unha serie de elementos fluídos. A cor xoga un papel fundamental na instalación, o mesmo que o son, para proporcionar esa experiencia de habitar no fondo dun espazo acuático. A instalación será activada coa colaboración dos actores cegos Lola Robles e Miguel Escabias. Na acción tomarán como inspiración o I Ching, o libro oracular chinés que data do 1200 a. C.

O museo como escenario
Comentarios