A Biblioteca Municipal de Tui será escenario mañá martes, 20 de maio, ás 17.30 h dunha fascinante sesión de "Historias fabulosas con maxia" a cargo de 2 Minds Combined. Esta actividade de animación á lectura forma parte da extensa programación "Tui en letras", que durante os meses de maio e xuño ofrece ata 20 propostas para todas as idades.
Elisa Alfaya e Ian R Hamilton, o dúo artístico detrás de 2 Minds Combined, presentarán este espectáculo dirixido a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos. Será un entretido contacontos que fusiona a maxia e as sombras chinesas, utilizando contos e fábulas como eixo central para deleitar a grandes e pequenos. O obxectivo principal é fomentar o hábito da lectura como unha porta á imaxinación. O público poderá gozar dunha experiencia chea de sorpresas onde os libros cobrarán vida e a fantasía voará sen límites.
A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, puxo en valor a orixe tudense de Elisa Alfaya, impulsora desta compañía que desenvolve unha intensa actividade dende Tui. Esta nova proposta para o público infantil está directamente orientada á promoción da lectura, un dos piares do programa "Tui en letras", promovido pola concellería co apoio da Deputación Provincial de Pontevedra.
Sobre 2 Minds Combined:
- Elisa Alfaya Pérez: Tras 15 anos residindo en Inglaterra, Elisa regresou á súa terra natal. Durante a súa etapa no estranxeiro traballou como maga e experta en sombras chinesas. Xunto con Ian, percorreu o mundo co seu espectáculo antes de decidir establecerse en Galicia.
 - Ian R Hamilton: Ian iniciouse no mundo da maxia e o entretemento aos 10 anos. O que comezou como un hobby transformouse nunha carreira que o levou a actuar en teatros, cruceiros e programas de televisión de todo o mundo.
 
Non perdas a oportunidade de vivir unha tarde máxica e literaria na Biblioteca Municipal de Tui!
            
            
              