Máis de 50 acuarelas de José Jesús Blanco Pérez expóñense desde mañá en Tui

Vista acuarelada de Tui reflectida nas augas do río Miño, unha das paisaxes presentes na exposición Acuarelas de José Jesús Blanco Pérez, na que o autor recrea lugares vencellados á súa memoria e á súa traxectoria vital.
A Sala Municipal de Exposicións do Edificio Francisco Sánchez inaugura este mércores, ás 19.30 horas, a mostra retrospectiva “Acuarelas”, con paisaxes, retratos e motivos marítimos do artista afincado en Tui.

Este mércores 21 de xaneiro, ás 19.30 horas, inaugúrase na Sala Municipal de Exposicións do Edificio Francisco Sánchez a exposición “Acuarelas”, do artista José Jesús Blanco Pérez, afincado en Tui. A mostra reúne unha escolma retrospectiva de máis de cincuenta obras nas que o autor propón un percorrido visual polas paisaxes da súa infancia, por rúas emblemáticas de distintas cidades e por temáticas nas que tamén sobresaen os retratos e os motivos marítimos, moi presentes na súa traxectoria vital.

As persoas que se acheguen á exposición poderán contemplar vistas de Tui, A Guarda, O Rosal e Valença, entre outros lugares, recreados polo artista con unha mirada intimista e luminosa, característica da técnica acuarelística. Esta retrospectiva ofrece así un mapa emocional e xeográfico no que a memoria, a viaxe e a identidade dialogan a través da cor e a transparencia propias da acuarela.

Blanco Pérez descubriu esta disciplina relativamente tarde, xa no treito final da súa carreira profesional como médico, cando atopou na acuarela unha nova vocación que o atrapou por completo. Desde entón, asegura, continúa aprendendo e desfrutando desta técnica, formándose e incorporando novos recursos expresivos.

O propio autor relata que “a acuarela apareceu no solpor de miña vida cando menos o esperaba, chegou de súpeto a encherme de luz e de esperanza os ocos da alma”. Engade que “a través dela, desfruto como xamais antes imaxinara, pinto o que amo, desbordo en cores, soños e sensacións”, e afirma que “a acuarela tróuxome a luz dunha nova mañá, o brillar daquel luceiro, as ondas feroces do mar, as ramas altas e verdes da árbore máis forte ou o sorriso da nai”.

A exposición poderá visitarse na Sala Municipal de Exposicións desde mañá e até o 27 de febreiro, en horario de luns a venres de 9.00 a 14.00 e de 15.30 a 20.30 horas, e os sábados de 9.00 a 13.00 horas.