Este mércores 21 de xaneiro, ás 19.30 horas, inaugúrase na Sala Municipal de Exposicións do Edificio Francisco Sánchez a exposición “Acuarelas”, do artista José Jesús Blanco Pérez, afincado en Tui. A mostra reúne unha escolma retrospectiva de máis de cincuenta obras nas que o autor propón un percorrido visual polas paisaxes da súa infancia, por rúas emblemáticas de distintas cidades e por temáticas nas que tamén sobresaen os retratos e os motivos marítimos, moi presentes na súa traxectoria vital.
As persoas que se acheguen á exposición poderán contemplar vistas de Tui, A Guarda, O Rosal e Valença, entre outros lugares, recreados polo artista con unha mirada intimista e luminosa, característica da técnica acuarelística. Esta retrospectiva ofrece así un mapa emocional e xeográfico no que a memoria, a viaxe e a identidade dialogan a través da cor e a transparencia propias da acuarela.
Blanco Pérez descubriu esta disciplina relativamente tarde, xa no treito final da súa carreira profesional como médico, cando atopou na acuarela unha nova vocación que o atrapou por completo. Desde entón, asegura, continúa aprendendo e desfrutando desta técnica, formándose e incorporando novos recursos expresivos.
O propio autor relata que “a acuarela apareceu no solpor de miña vida cando menos o esperaba, chegou de súpeto a encherme de luz e de esperanza os ocos da alma”. Engade que “a través dela, desfruto como xamais antes imaxinara, pinto o que amo, desbordo en cores, soños e sensacións”, e afirma que “a acuarela tróuxome a luz dunha nova mañá, o brillar daquel luceiro, as ondas feroces do mar, as ramas altas e verdes da árbore máis forte ou o sorriso da nai”.
A exposición poderá visitarse na Sala Municipal de Exposicións desde mañá e até o 27 de febreiro, en horario de luns a venres de 9.00 a 14.00 e de 15.30 a 20.30 horas, e os sábados de 9.00 a 13.00 horas.
