domingo. 08.12.2024

A Xunta de Galicia mantivo unha primeira toma de contacto coa asociación cultural Patrimonio Laurentino co obxectivo de comezar a traballar nas actividades culturais que acollerá Vilanova de Lourenzá, co gallo da celebración das Letras Galegas do ano 2023, dedicadas a Francisco Fernández del Riego. Na reunión participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e a presidenta do colectivo, Remedios Gallo.

A xuntanza serviu para perfilar unha programación que, segundo apuntou Arias, “situará a esta vila mariñá, berce do intelectual homenaxeado, no mapa cultural de Galicia ao longo do vindeiro ano”, logo de que a Real Academia Galega acordase en sesión plenaria lembrar a figura deste autor lugués. Valentín García concretou que as accións previstas pola Xunta de Galicia a través do seu departamento “buscarán o seu recoñecemento histórico e a divulgación do seu traballo a prol da lingua e da galeguidade”.

Fernández del Riego naceu en Lourenzá en 1913, estudou Dereito e Filosofía e Letras en Santiago e en Madrid; foi un dos artífices da Editorial Galaxia, revista Grial e Biblioteca Penzol, ademais de impulsor de moitas outras actividades culturais e membro da nova xeración de intelectuais galegos que deron continuidade ao ideario do Grupo Nós, e tamén foi nomeado membro da Real Academia Galega.

Ao longo da súa vida recibiu numerosos premios como a Medalla Castelao, Pedrón de Ouro e o título de Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo.

As Letras Galegas do ano 2023, dedicadas a Francisco Fernández del Riego
Comentarios