martes. 30.04.2024

A Xunta de Galicia organiza as terceiras Xornadas Profesionais Artesanía no Prato, que se celebrarán o 21 e 22 de novembro na Cidade da Cultura de Galicia como un punto de encontro entre profesionais da artesanía, da gastronomía e do deseño, no que se evidencia o potencial do valor da artesanía no ámbito da hostalería, da restauración e da decoración de interiores.

As xornadas, que se celebran con carácter bianual, están organizadas pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación a través da Fundación Artesanía de Galicia, coa colaboración de Galicia Calidade e dos seus produtos certificados. Nesta terceira edición presentaranse produtos de 33 obradoiros da marca Artesanía de Galicia especializados en oficios como a cerámica, a cestería, o coiro, a madeira, a olería, o vidro, o téxtil, a escultura, a estampaxe ou a forxa. Destes, un total de 10 obradoiros participan por primeira vez neste evento co obxectivo de abrir novas vías de comercialización e novas áreas de traballo para os seus proxectos. Trátase dos obradoiros de Vigo Arte Tradición Vexetal e Blaurtopías; Jatafarta e Roni Herrán (Santiago de Compostela); Alfarería Lista (Malpica de Bergantiños); Cuchillos Artesanos Villar (Teo); Mar Barral (Catoira); Rake Cerámica (Baiona); Susana Anta (A Illa de Arousa) e Xaime Piñeiro (Allariz).

Os outros 23 obradoiros que repiten a experiencia son os obradoiros da Coruña Arobe Cerámica, Branqueta e Arteviares; os obradoiros de Buño Alfarería Rulo e Obradoiro Gorín (Malpica de Bergantiños); Amorote Printing Workshop (Ames); os obradoiros de Cambre Belategui Regueiro e Laura Delgado Cerámica; Bria Concept (Mondoñedo); Celso Ferreiro (A Fonsagrada); Cerámica Unzueta (Brión); Cuchillos A. Castro (O Barco de Valdeorras); Idoia Cuesta Cestería Contemporánea (Outeiro de Rei); La Parabólica (O Porriño); Manuel Figueiras (Muros); Obradoiro F. Porto (A Estrada); Otero Regal – Ceramista (Viveiro); Raposiñas (A Pobra do Caramiñal); Uniformes 2.I (Lugo); Yanet Ruiz (Xinzo de Limia) e os obradoiros composteláns Degerónimo, Ilex Talla e Lorenzo Design.

PROGRAMA

As III Xornadas Artesanía no Prato desenvolveranse o 21 e o 22 de novembro no Museo Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia en horario de 11:30 a 21:00 horas. Na programación desta edición inclúese un novo espazo de coloquio arredor do papel da artesanía e do produto de proximidade no ámbito da cociña no que participarán chefs, artesáns e expertos en materia de artesanía. Será un punto de encontro no que reflexionar sobre temas como o deseño e a ética sostible, o impulso da innovación ou o proceso creativo do traballo artesán. Neste Espazo Encontro participarán chefs como Jorge Gago, do restaurante A Maceta (Santiago de Compostela) e Pepe Solla, de Casa Solla (Poio), artesás como Laura Delgado, Idoia Cuesta e Maialen Arranz; e expertas como Isabela Muñoz, redactora xefe de Cociña, Decoración e Viaxes da revista Telva, ou Macarena Navarro-Reverter, consultora de artesanía española, historiadora e xornalista.

O 21 e 22 de novembro na Cidade da Cultura o encontro está dirixido a profesionais da hostalería e da restauración, o comercio e a decoración.

Durante o evento desenvolverase tamén o Espazo Cociña, no que se realizarán diferentes demostracións gastronómicas onde os asistentes poderán degustar pratos elaborados por recoñecidos cociñeiros galegos servidos en pezas da marca Artesanía de Galicia.

Neste Espazo Cociña está prevista a participación dos chefs Iñaki Bretal, do restaurante Eirado da Leña (Pontevedra); Moncho Bargo e Javier Freijeiro, de Pracer (A Coruña); Natalia Devesa e Adrián Reboredo, de A Carrilana (Santiago de Compostela); Adrián Felípez, de Miga (A Coruña); Álvaro Villasante, de Paprica (Lugo); María Varela, de
A Parada das Bestas (Pidre, Lugo); Xoán Crujeiras, de Bido (A Coruña) e Jorge Gago, de
A Maceta (Santiago de Compostela).

As xornadas están dirixidas ao público profesional relacionado coa hostalería e a restauración, co comercio ou coa decoración de interiores. Tanto para o espazo de exposición de artesanía como para o Espazo Encontro a entrada será libre, mentres que os profesionais que accedan ao Espazo Cociña deberano facer con invitación previa.

ARTESANÍA

O proxecto Artesanía no Prato iniciouse no ano 2013, durante a segunda edición do Corazón da Artesanía. Encontro de Artesanía Tradicional e Popular de Galicia celebrado en Agolada, co obxectivo de establecer sinerxías entre artesanía, gastronomía e deseño, grazas á colaboración de cociñeiros do Grupo Nove que comezaron a empregar pezas da marca nos seus showcookings.

No ano 2017, Artesanía de Galicia fortaleceu a súa aposta a través da celebración das Primeiras Xornadas Profesionais de Artesanía no Prato, que tiveron continuación no ano 2019 coa segunda edición, e o evento converteuse no punto de referencia para a colaboración entre ambos os dous sectores. Froito destes anos de traballo están a xurdir proxectos de colaboración entre artesáns e cociñeiros que cada vez son máis numerosos.

Artesanía no Prato foi seleccionado en dúas ocasións como finalista nos Premios Nacionais de Artesanía, nos anos 2019 e 2020, na categoría de Premio Promociona para Entidades Públicas. Neste ano 2021, esta iniciativa foi recoñecida como exemplo de boas prácticas en Crafts Code, un programa europeo orientado a mellorar a competitividade das pemes no sector da artesanía, a impulsar o seu crecemento e a promover a innovación, no que Artesanía de Galicia participa desde o ano 2020. Neste contexto, “Artesanía no Prato. Posicionando a Galicia no epicentro da excelencia culinaria e artesanal” foi seleccionada para aparecer na plataforma de políticas formativas de Interreg Europe, como modelo para os artesáns doutras rexións europeas para vincular a artesanía con outros sectores e crear sinerxías.

Xornadas Artesanía no Prato