martes. 07.02.2023

Gaiás, 20 exposicións no primeiro semestre

A Xunta de Galicia avanzou hoxe o programa de actividades da Cidade da Cultura para o primeiro semestre deste ano, no que salientan unha vintena de exposicións e intervencións artísticas e paisaxísticas, o reforzo do seu programa de residencias e unha destacada aposta pola itinerancia dos seus contidos culturais, que chegarán a cidades como París, Cáceres, A Coruña, Lugo ou Vigo.
Presentacion programación semestral.
Presentacion programación semestral.

A Xunta de Galicia avanzou hoxe o programa de actividades da Cidade da Cultura para o primeiro semestre deste ano, no que salientan unha vintena de exposicións e intervencións artísticas e paisaxísticas, o reforzo do seu programa de residencias e unha destacada aposta pola itinerancia dos seus contidos culturais, que chegarán a cidades como París, Cáceres, A Coruña, Lugo ou Vigo.

As principais liñas de acción para os vindeiros meses foron debulladas nun acto coa participación do director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo, e a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, que tamén sinalaron o proxecto do primeiro Centro de Artes Dixitais de Galicia entre as prioridades de traballo para este ano.

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, anuncia un reforzo do programa de apoio á creación, que se fixa o obxectivo de impulsar o traballo dun cento de artistas

Unha das grandes novidades da programación expositiva do Museo Gaiás chegará en marzo coa mostra Detrás do espello. Galicia na obra de autores foráneos do século XX, un proxecto comisariado polo comunicador e xestor cultural Xosé Luis García Canido, e polo músico, autor, produtor, e director audiovisual Antón Reixa, moi coñecido pola súa faceta de cantante e letrista de Os Resentidos, que foi recoñecido en 2021 coa Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes. A mostra, segundo avanzou o director xeral, “proponse explorar o vencello singular con Galicia, e a pegada da nosa terra na súa obra, de 50 nomes imprescindibles da ciencia e da cultura universal, desde Einstein a Hemingway, Cortázar, Isabel Coixet, García Márquez ou Luis Buñuel”.

Xa en xuño, o Museo Gaiás sumarase á conmemoración do centenario do Seminario de Estudos Galegos, coa exposición Luz na terra. A obra do Seminario de Estudos Galegos (1923-1936), comisariada por Ramón Villares, catedrático emérito de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, institución da que foi decano da Facultade de Xeografía e Historia e reitor, ademais de membro numerario da Real Academia Galega e presidente do Consello da Cultura Galega entre 2006 e 2018. Posteriormente chegará unha terceira exposición, neste caso no marco das actividades de conmemoración do 30 aniversario do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).

AMPLA PROGRAMACIÓN EXPOSITIVA

A Biblioteca e Arquivo de Galicia desenvolverán tamén unha completa programación expositiva destinada a poñer en valor os fondos que atesouran ambas institucións e que inclúen desde incunables, mapas antigos, unha das mellores coleccións de facsímiles, prensa histórica, fotografías ou postais. Así, a Biblioteca de Galicia inaugurará este mesmo mes unha mostra con motivo do Día da Ilustración, dedicada a María Antonia Dans, e en maio unha segunda mostra bibliográfica, sobre Francisco Fernández del Riego, con motivo do Día das Letras Galegas. Por parte do Arquivo de Galicia, inaugurarase en marzo a mostra Voces esquecidas. As mulleres do Hospital de Conxo, e en xuño unha segunda exposición con motivo do Día Internacional do Arquivos.

Antón Reixa comisaría, xunto a Xosé Luis García Canido, ‘Detrás do espello’, a primeira grande exposición de 2023, que explora a pegada de Galicia na obra de 50 nomes imprescindibles da ciencia e da cultura universal, desde Einstein a Hemingway

As mostras Camiños creativos e De lugares e cousas —que aínda poden visitarse ata abril no Museo Centro Gaiás— e novas intervencións artísticas e paisaxísticas nos espazos exteriores do Gaiás —cunha cuarta edición do ciclo Reb/veladas na paisaxe como proxecto destacado— completan as previsións para este comezo de ano.

DESCENTRALIZACIÓN E DIXITALIZACIÓN

O director xeral de Cultura lembrou, ademais, que o Gaiás continuará a expandir a súa actividade sumando novas itinerancias expositivas. “Precisamente pasado mañá, 20 de xaneiro, inauguramos no Palacio Toledo Moctezuma de Cáceres a mostra A Vía da Prata. Aires do sur, onde se poderá visitar ata abril, e a próxima semana Foi un home. Laxeiro en América. Buenos Aires (1950-1970) acada un nivel internacional coa súa chegada á capital francesa na última das súas estadías, que a levaron a Lalín, terra natal do artista, Madrid, e ao Museo Centro Gaiás”, remarcou.

A inauguración en Cáceres da exposición ‘A Vía da Prata. Aires do Sur’ e a primeira mostra de Laxeiro en París marcan un plan de itinerancias de proxectos culturais desenvolvidos polo Gaiás que se amplía este 2023

Pola súa banda, o proxecto Cidades no tempo, comisariado por Manuel Gago e desenvolvido en colaboración con Afundación, sumará tamén novas itinerancias en Lugo e A Coruña (nos vindeiros meses) e en Vigo a finais de ano.

Anxo M. Lorenzo lembrou tamén que os contidos dixitais serán outra das apostas deste ano, avanzando que “a Cidade da Cultura está xa a traballar na definición do proxecto do primeiro Centro de Artes Dixitais de Galicia“. Ademais, seguirase a ampliar a instalación inmersiva Galiverso, coa incorporación de novas experiencias.

APOIO Á CREACIÓN

O impulso ao traballo dos creadores, a través do programa de residencias artísticas REGA e do Encontro de Artistas Novos, será outra das apostas para este ano.“En 2023 -salientou o representante da Xunta de Galicia- aspiramos a apoiar a preto doutro centenar de creadores, consolidar colaboracións e continuar a incorporar novos aliados neste camiño de converter o Gaiás nunha factoría para desenvolver contidos culturais, na que xa se ten colaborado con institucións como o Centro Dramático Galego, a Universidade de Vigo, o colectivo RPM ou o festival RESIS”.

Expansión e consolidación da programación cultural

Pola súa banda, a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, subliñou que o Gaiás se propón continuar a traballar en “consolidar o incremento da actividade do complexo, que en 2022 volveu superar o millón de visitas e marcou un récord na actividade expositiva con máis de 25 mostras e intervencións artísticas”. A directora xerente lembrou tamén o arranque da actividade do Edificio Fontán como un fito importante do complexo “ao incorporar máis dun centenar de novos traballadores e unha sostida programación de actividades na que participaron o ano pasado 11.000 persoas”.

“Nos últimos dez anos, a Cidade da Cultura ten practicamente dobrado o número de persoas que participan nas súas actividades culturais”, remarcou Váquez Reboredo. “Confírmase así a fase de expansión de actividade que vive actualmente o Gaiás que deixou xa atrás un período marcado polos proxectos construtivos para dar paso a unha consolidación do seu programa de usos”, finalizou.

Neste sentido, a Cidade da Cultura continúa a apostar tamén por unha ampla e diversa programación escénica, musical e familiar que neste ano volverá contar con citas tan consolidadas como o festival Escenas do Cambio, que chegará en maio novamente baixo a dirección de Lola Correa e con compañías e artistas procedentes de Canarias, Cataluña e Andalucía ademais de representación de Portugal e de Galicia.

Pola súa banda, a oferta para público infantil e familiar arranca este mesmo mes co festival de curtas Pequefilmes, continuando en febreiro coa celebración do Baile de Entroido, que volve ao Gaiás tras un parón de varios anos marcados pola pandemia.

Gaiás, 20 exposicións no primeiro semestre
Comentarios