A Sala de Exposicións do Faro Vilán, en Camariñas, acollerá na primavera de 2026 a mostra “Os Muíños de O Folón e O Picón a través da plástica”, unha proposta artística colectiva que reunirá a 40 creadores —23 mulleres e 17 homes— arredor da paisaxe e o patrimonio etnográfico do Concello de O Rosal.
A exposición, comisariada por Manel Estévez e xestionada pola Asociación de Empresarios e de Promoción Turística de Camariñas, desenvolverase en dúas fases: durante o mes de abril exhibiranse as obras dos artistas masculinos, mentres que en maio será a quenda das creadoras.
A iniciativa conta coa participación de autores procedentes de distintos puntos de Galicia, así como doutras comunidades e países, como Cuba, Portugal, Brasil, Rusia ou Madeira. Entre os nomes destacados figuran Alex Vázquez, Mauro Lomba, Xosé Miranda ou Paco Santomé na primeira fase, e artistas como Orlanda Gomes, Dolores Guerrero, Waldirene Silva ou Margarita Forteza na segunda.
Esta mostra supón unha nova parada dun proxecto expositivo que xa puido verse anteriormente na Casa dos Alonso da Guarda e no Pazo de Mos, consolidándose como unha proposta itinerante que combina arte contemporánea e posta en valor do patrimonio cultural.
O público poderá visitar a exposición de mércores a domingo, en horario de 10:00 a 14:00 e de 15:00 a 18:00 horas, permanecendo pechada os luns e martes. A cita permitirá achegarse, a través da mirada de diversos artistas, a un dos conxuntos etnográficos máis singulares de Galicia, como son os muíños de O Folón e O Picón.
