A Deputación leva a Covelo un concerto de Nadal e Aninovo coa Banda de Música e a Orquestra Clásica de Valga
A Deputación de Pontevedra continúa este domingo, 11 de xaneiro, a segunda edición de Entradiñas de Aninovo, o ciclo de concertos que está a percorrer distintos concellos da provincia ata o 17 de xaneiro de 2026. A próxima cita será na igrexa de San Martiño de Barcia de Mera, no concello de Covelo, onde ás 17:00 horas terá lugar o “Concerto ao Lecer”, a cargo da Banda de Música e da Orquestra Clásica de Valga.
Tralos concertos celebrados en Vigo, Lalín, Forcarei e As Neves, o programa chega agora ao Condado-Paradanta cunha proposta musical que pretende mesturar tradición e alegría festiva, nun repertorio pensado para pechar o Nadal e celebrar o Aninovo en familia.
Unha proposta con tradición e proxección internacional
As dúas agrupacións nacen das formacións de cámara da Escola Municipal de Música de Valga, creada en 1996, e desde o seu debut participaron en certames, festivais e concertos por Galicia, España, Portugal e América. Tanto a Banda como a Orquestra están dirixidas desde a súa creación por Manuel Villar Touceda, un recoñecido director con ampla traxectoria no panorama musical galego.
A Banda de Música e a Orquestra Clásica de Valga xa participaron tamén neste ciclo en actuacións previas nos concellos de Forcarei e As Neves.
Música clásica, tradicional e popular para toda a familia
Entradiñas de Aninovo é unha iniciativa da Deputación de Pontevedra que busca achegar a música a espazos singulares dos concellos da provincia, propoñendo concertos especiais de música clásica, tradicional e popular, cun enfoque participativo e pensado para que as familias poidan desfrutar dun repertorio acaído para estas datas.
O título do ciclo está inspirado nun verso dunha copla popular de Nadal recollida no cancioneiro “Ayes de mi país” de Marcial Valladares, publicado por José Luís do Pico Orjais e Isabel Rei Sanmartim:
“Despedida de ano vello / entradiña de aninovo / os señores desta casa / as conten con grande gozo”.