viernes. 09.01.2026

A Deputación leva a Covelo un concerto de Nadal e Aninovo coa Banda de Música e a Orquestra Clásica de Valga

A Deputación de Pontevedra leva este domingo á igrexa de San Martiño de Barcia de Mera, en Covelo, un concerto de Nadal e Aninovo co que continúa o ciclo Entradiñas de Aninovo, da man da Banda de Música e a Orquestra Clásica de Valga.
Barcia de Mera es un enorme pazo abacial con adornos arquitectónicos que reflejan una probable influencia azteca, como parece ser por el atlas y los remates que coronan su fachada barroca. ARCHIVO.
Barcia de Mera es un enorme pazo abacial con adornos arquitectónicos que reflejan una probable influencia azteca, como parece ser por el atlas y los remates que coronan su fachada barroca. ARCHIVO.

A Deputación de Pontevedra continúa este domingo, 11 de xaneiro, a segunda edición de Entradiñas de Aninovo, o ciclo de concertos que está a percorrer distintos concellos da provincia ata o 17 de xaneiro de 2026. A próxima cita será na igrexa de San Martiño de Barcia de Mera, no concello de Covelo, onde ás 17:00 horas terá lugar o “Concerto ao Lecer”, a cargo da Banda de Música e da Orquestra Clásica de Valga.

Tralos concertos celebrados en Vigo, Lalín, Forcarei e As Neves, o programa chega agora ao Condado-Paradanta cunha proposta musical que pretende mesturar tradición e alegría festiva, nun repertorio pensado para pechar o Nadal e celebrar o Aninovo en familia.


Unha proposta con tradición e proxección internacional

As dúas agrupacións nacen das formacións de cámara da Escola Municipal de Música de Valga, creada en 1996, e desde o seu debut participaron en certames, festivais e concertos por Galicia, España, Portugal e América. Tanto a Banda como a Orquestra están dirixidas desde a súa creación por Manuel Villar Touceda, un recoñecido director con ampla traxectoria no panorama musical galego.

A Banda de Música e a Orquestra Clásica de Valga xa participaron tamén neste ciclo en actuacións previas nos concellos de Forcarei e As Neves.


Música clásica, tradicional e popular para toda a familia

Entradiñas de Aninovo é unha iniciativa da Deputación de Pontevedra que busca achegar a música a espazos singulares dos concellos da provincia, propoñendo concertos especiais de música clásica, tradicional e popular, cun enfoque participativo e pensado para que as familias poidan desfrutar dun repertorio acaído para estas datas.

O título do ciclo está inspirado nun verso dunha copla popular de Nadal recollida no cancioneiro “Ayes de mi país” de Marcial Valladares, publicado por José Luís do Pico Orjais e Isabel Rei Sanmartim:
“Despedida de ano vello / entradiña de aninovo / os señores desta casa / as conten con grande gozo”.

 

A Deputación leva a Covelo un concerto de Nadal e Aninovo coa Banda de Música e a...
Comentarios