A unidade teatral da Xunta de Galicia e o colectivo portugués ASTA-Teatro e Outras Artes presentan a súa coprodución rosalía, cartografía de ásperas ortigas no Salón Teatro de Santiago, con tres funcións programadas desde mañá sábado ata o vindeiro luns.
Baixo a dirección escénica e dramaturxia do compostelán Roberto Salgueiro, esta colaboración conta tamén coa participación do Cine-Teatro Avenida de Castelo Branco (Portugal). O resultado é unha proposta teatral contemporánea que explora o pensamento e o legado da icónica poeta padronesa. A obra tece unha narrativa propia a partir de textos e, principalmente, versos extraídos de Cantares Gallegos, Follas Novas e En las orillas del Sar, buscando afondar na profunda transcendencia da autora.
O elenco desta produción galego-portuguesa está integrado por Antía Cortegoso, Sérgio Novo, Alberto Medeiros e Marta Casais. A posta en escena susténtase nun espazo sonoro creado a partir de diversos instrumentos, así como en coreografías e unha escenografía evocadora cuberta de flores.
Tras a súa estrea e presentación en diversas localidades portuguesas como Castelo Branco, Covilhã e Gouveia, o equipo artístico regresa á sede do Centro Dramático Galego (CDG), entidade dependente da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, onde xa se realizaron parte dos ensaios o pasado xaneiro. Agora, compartirán o resultado deste traballo co público galego.
Para facilitar a asistencia, e grazas ao apoio do Camões - Centro Cultural Português en Vigo a través do programa Quintas do Camões, habilitarase un servizo de autobús gratuíto con saída e volta desde Vigo o luns 28 de abril, con paradas en Pontevedra e Vilagarcía de Arousa.
Venda de entradas
As tres funcións de rosalía, cartografía de ásperas ortigas terán lugar mañá sábado e o luns ás 20:30 horas, e o domingo ás 18:00 horas. As entradas xa están á venda en liña a través da web entradas.ataquilla.com. Tamén poderán adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro os días de función desde dúas horas antes do comezo.
Este proxecto reafirma o compromiso da unidade teatral da Xunta de Galicia por impulsar e participar en iniciativas compartidas con compañías e profesionais do país veciño. Esta colaboración forma parte dunha ampla e intensa actividade común que nos últimos anos deu como resultado espectáculos como Frágua de amor, Territórios de liberdade, Entrepalav-bras, Na hora dos cans, Ifixenia ou Manuela Rey Is In Da House.
