miércoles. 24.04.2024

‘Compromiso na distancia’, en Santiago

A mostra, que iniciou a súa andadura a comezos de mes en Vilamartín de Valdeorras, concello natal do homenaxeado, poderá visitarse no vestíbulo da Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal desde hoxe ata o próximo 17 de xuño. Despois, seguirá a súa itinerancia ao longo do ano por varios centros da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia e dos concellos da Rede de Dinamización Lingüística, en concreto por A Coruña, Chantada, Vigo, Ourense, O Barco de Valdeorras, Lugo, Pontevedra e Celanova.
Inauguración na Coruña. ARQUIVO.
Inauguración na Coruña. ARQUIVO.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participaron esta tarde na inauguración da exposición itinerante Compromiso na distancia, unha das iniciativas coas que a Xunta de Galicia celebra o ano de Florencio Delgado Gurriarán, figura destas Letras Galegas 2022.

Durante a inauguración, na que tamén participaron Ricardo Gurriarán, biógrafo e representante da familia de Florencio, e Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega (RAG), o secretario xeral de Política Lingüística quixo facer un chamamento á cidadanía “a achegarse ata a biblioteca compostelana para descubrir e coñecer ao gran protagonista destas Letras, pois a exposición achega información e imaxes sobre Florencio que doutro xeito non son accesibles”.

Pola súa parte, o director xeral de Cultura indicou que esta mostra “quere difundir a obra máis significativa do escritor ourensán e dar a coñecer os lugares onde transcorreu a súa vida: tanto as terras valdeorresas ás que tanto cantou nos seus versos, como as mexicanas que o acolleron e tamén influíron na súa poética”.

De seguido, tivo lugar un percorrido pola exposición a cargo do escritor Héctor Cajaraville, encargado do texto central e da documentación da exposición.

A mostra, que iniciou a súa andadura a comezos de mes en Vilamartín de Valdeorras, concello natal do homenaxeado, poderá visitarse no vestíbulo da Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal desde hoxe ata o próximo 17 de xuño. Despois, seguirá a súa itinerancia ao longo do ano por varios centros da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia e dos concellos da Rede de Dinamización Lingüística, en concreto por A Coruña, Chantada, Vigo, Ourense, O Barco de Valdeorras, Lugo, Pontevedra e Celanova.

Da infancia á madurez

Compromiso na distancia consta de diferentes zonas explicativas nas que se fai un completo percorrido pola vida e obra de Florencio Delgado Gurriarán, desde a súa infancia ata a súa madurez, incluíndo as súas experiencias en terras mexicanas e o regreso a Galicia coas primeiras publicacións.

O texto central e a documentación corre a cargo de Héctor Cajaraville con pezas baseadas no libro publicado por Xerais, Florencio Delgado Gurriarán. Polos Vieiros da saudade. As fotografías pertencen ao arquivo familiar do autor, sendo fotos orixinais en branco e negro que foron modificadas con técnicas de coloración dixital.

A exposición está enmarcada entre as máis de 150 actividades que a Xunta de Galicia, a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega, en colaboración con múltiples empresas, entidades e concellos, realiza ao longo de todo o ano para homenaxear e dar a coñecer a figura e obra de Florencio Delgado Gurriarán.

‘Compromiso na distancia’, en Santiago
Comentarios