A creación literaria en galego, cuxas primeiras manifestacións se remontan a hai sete séculos, foi o eixo central da xornada celebrada hoxe no pazo de San Roque de Santiago de Compostela, un encontro que reuniu especialistas, docentes, músicos e creadores nun programa con relatorios, lecturas poéticas e presentacións. A cita estivo coordinada polo catedrático da Universidade da Coruña José María Paz Gago e pola profesora da UDC Gema Vallín, e desenvolveuse nunha mañá que combinou a lembranza das raíces da nosa lingua cunha reflexión sobre o presente e o futuro da creatividade en Galicia.
O acto inaugural contou coa intervención da produtora Zaza Ceballos, que salientou a relevancia do encontro: “É unha ocasión para que a cultura galega lembre de onde xorde a súa creatividade literaria e tamén para analizar a súa situación actual e as perspectivas de futuro”. Pola súa banda, o secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, puxeron en valor unha xornada “ateigada de talento e sinerxías entre disciplinas”, eloxiando o acerto de centrar esta primeira actividade nas creacións literarias medievais.
Sete séculos de tradición literaria
A xornada partiu da homenaxe á poesía galego-portuguesa, que comezou a xermolar a finais do século XII e acadou o seu máximo esplendor durante o reinado do monarca e trobador don Dinis de Portugal, figura clave na consolidación do romance galego-portugués como lingua literaria e mesmo oficial no Reino de Portugal. O ano do seu pasamento, 1325, marca a efeméride dos sete séculos da consolidación da creación poética en galego.
A catedrática da USC Mercedes Brea abriu o programa cun relatorio sobre os Orixes da creación literaria galega na Idade Media, lembrando que durante o reinado de Alfonso X “a lírica trovadoresca amosaba toda a súa creatividade”, ao tempo que o rei dedicaba o seu esforzo poético ás Cantigas de Santa María como instrumento relixioso e político nos territorios recentemente conquistados.
Tras ela, a tamén catedrática Elvira Fidalgo Francisco afondou precisamente nesas Cantigas de Santa María, subliñando que “a morte de don Dinis marca a etapa de compendio de toda a lírica trobadoresca” e que, en realidade, “a creación literaria galego-portuguesa ten xa oito séculos e medio”.
O doutor Santiago Gutiérrez García puxo o foco no contexto internacional da aparición da literatura galega e na súa continuidade ata a contemporaneidade co Neotrobadorismo, destacando a importancia de figuras como Álvaro Cunqueiro na recuperación moderna do espírito trobadoresco.
Presente e futuro: a creación literaria actual
Nunha das partes máis emotivas da mañá, as escritoras Yolanda Castaño, Helena Salgueiro e o poeta Adrián Maceda ofreceron unha lectura dos seus poemas como mostra da vitalidade creativa actual.
Maceda seleccionou versos do seu libro Transnoite; Castaño leu textos de Amor palimsesta; e Salgueiro, Premio Nacional de Poesía 2023, compartiu poemas da súa obra A falsa autónoma.
Universo Cantigas: unha ferramenta pioneira
Xa na sesión da tarde, os profesores da Universidade da Coruña Manuel Ferreiro e Leticia Eirín presentaron Universo Cantigas, unha edición integral —en formato impreso e dixital— de todo o corpus das cantigas galego-portuguesas. Este proxecto, iniciado en papel en 2024 e agora ampliado cunha versión web, destaca polo seu rigor filolóxico e pola amplitude da súa base de datos.
A profesora Gema Vallín tamén abordou a figura de Alfonso X O Sabio, explicando que a súa obra profana, especialmente as cantigas de escarnio, posúe unha forte carga política e social, amosando tradicións diversas no conxunto da súa produción.
O peche da xornada correu a cargo do profesor da Universidade do Porto e membro da Academia das Ciências de Lisboa José Augusto de Sottomayor Pizarro, considerado o maior especialista no Rei don Dinis. Destacou que o monarca portugués foi “un gobernante centralizador do século XIII, que logrou delimitar o territorio portugués, pero consciente de que a cultura non ten fronteiras” e subliñou paralelismos coa obra de Alfonso X.
A cita contou coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua e da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.
Presentación do Foro Galicia Crea
No marco da xornada presentouse tamén o Foro Galicia Crea, unha iniciativa promovida por profesionais da ciencia, a tecnoloxía e a cultura para fomentar a creatividade e o pensamento libre desde Galicia, en diálogo coa cultura global. O proxecto nace como plataforma multidisciplinar e anuncia a creación dun Plan de Mentorización para orientar novas xeracións creadoras.
“Aspiramos a impulsar unha Galicia máis crítica, aberta e creativa mediante o diálogo entre todos estes ámbitos”, destacou a presidenta do Foro, quen salientou que a iniciativa busca contribuír á transformación cultural e social do país integrando arte, ciencia e innovación.
Entre as persoas fundadoras figuran nomes de referencia como a inmunóloga África González, a produtora Zaza Ceballos, o forense Ángel Carracedo, o físico Jorge Mira, a enxeñeira Edita de Lorenzo, a editora Laura Rodríguez Herrera, a xurista María José Bravo, o consultor Pati Blanco, o xornalista Alfonso Cabaleiro, a administrativista Teresa Carballeira e o propio José María Paz Gago, coordinador da xornada xunto a Gema Vallín.
