miércoles. 24.04.2024

Centro Dramático Galego estrea 'Ás oito da tarde, cando morren as nais'

O espectáculo estará en cartel en Santiago ata o 1 de maio con 14 sesións e logo xirará ata xuño polos concellos de Cee, Cedeira, Catoira e A Estrada, así como polas localidades portuguesas de Beja e Coímbra. Convértese así na primeira produción deste ano en saír de Compostela. “Despois de momentos complicados, a cultura galega está a vivir un momento de consolidación e expansión como constata o ritmo da actividade cultural en Galicia”.
O conselleiro de Cultura presenta a nova produción da unidade teatral da Xunta que leva a escena o texto de AveLina Pérez galardoado co Premio Álvaro Cunqueiro en 2018.
O conselleiro de Cultura presenta a nova produción da unidade teatral da Xunta que leva a escena o texto de AveLina Pérez galardoado co Premio Álvaro Cunqueiro en 2018.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade presentou hoxe a nova produción do Centro Dramático Galego (CDG), Ás oito da tarde, cando morren as nais, con dirección e dramaturxia de Marta Pazos e cuxa estrea será este xoves no Salón Teatro de Santiago de Compostela. A montaxe leva a escena o texto da creadora escénica AveLina Pérez galardoado co Premio Álvaro Cunqueiro en 2018 e conta con Camila Bossa, Sabela Domínguez, Xosé Manuel Esperante, Davide González, María Llanderas, Alba Loureiro e Toni Salgado no elenco.

O acto de presentación tivo lugar no escenario sede da compañía da Xunta de Galicia e nel participaron tamén o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; o director do CDG, Fran Núñez, así como Marta Pazos, AveLina Pérez e a meirande parte do equipo de interpretación e artístico da peza.

Segundo sinalou o conselleiro, o espectáculo estará en cartel en Santiago ata o 1 de maio con 14 sesións e logo xirará ata xuño polos concellos de Cee, Cedeira, Catoira e A Estrada, así como polas localidades portuguesas de Beja e Coímbra. Convértese así na primeira produción deste ano en saír de Compostela. “Despois de momentos complicados, a cultura galega está a vivir un momento de consolidación e expansión como constata o ritmo da actividade cultural en Galicia”, expresou ao tempo que agracedeu aos profesionais da cultura a súa contribución para conseguir que o consumo cultural se volva dinamizar.

Ademais, no marco do obxectivo de descentralización, “apostamos por levar a peza a vilas de tamaño mediano para reforzar a oferta cultural dirixida á poboación destes concellos e da súa contorna”, apuntou Román Rodríguez. Así, por primeira vez o programa de mobilidade do CDG esténdese á xira e vanse contratar autobuses ao servizo dos concellos interesados en desprazar público tanto ao Salón Teatro como aos espazos galegos incluídos no percorrido.

FUNCIÓNS ESCOLARES

Ademais, a montaxe permanecerá en cada un dos concellos galegos durante catro días, un deles dedicado a unha función escolar para centros de ensino medio. O obxectivo é acadar a maior cantidade de público posible e achegarlles o teatro e a dramaturxia galega contemporánea aos máis novos. O percorrido previsto comeza o xoves 5 de maio no Auditorio Baldomero Cores de Cee, onde estará ata o domingo 8. Tras ofrecer senllas funcións en Beja, no marco do Festival de Teatro do Alentejo, un dos máis potentes festivais de teatro iberoamericano do país luso, e en Coímbra os días 12 e 14, o espectáculo regresa a Galicia con parada no Auditorio Municipal de Cedeira, do 19 ao 22 de maio. Pola súa banda, o Auditorio Municipal de Catoira acollerá a montaxe do 26 ao 29, e, por último, o Teatro Principal da Estrada farao do 2 ao 5 de xuño.

Román Rodríguez destacou tamén o programa pioneiro de teatro inclusivo creado polo Centro Dramático Galego, que estará en funcionamento a partir da segunda semana de exhibición do espectáculo e durante a xira. Deste xeito, “todas as funcións contarán con interpretación en lingua de signos, audiodescricións e subtitulado para que as persoas con discapacidade auditiva ou visual poidan gozar de calquera das representacións sen limitarse a sesións específicas”, salientou. Recordou que iniciativas como esta abren camiño á futura Lei autonómica que promoverá a inclusión e accesibilidade da cultura en Galicia. Trátase do marco normativo no que está a traballar xa a Xunta en diálogo con distintas entidades sociais e culturais na que será a primeira lei de España neste eido.

Por outra banda, haberá novas sesións do programa ImproVersións, dirixido por Antón Coucheiro e que ofrecerá versións aloucadas e improvisadas arredor de Ás oito da tarde, cando morren as nais. Serán os luns 18 e 25.

Na súa intervención, o conselleiro referiuse ao Centro Dramático Galego como “dinamizador do emprego cultural na nosa Comunidade”, coa contratación de case 40 profesionais nas dúas montaxes deste primeiro semestre e un investimento de case 600.000 euros, ademais do apoio a seis espectáculos en réxime de coprodución. Tamén avanzou que en breve se iniciará o proceso para a selección dos elencos da temporada 2022-23, na que a unidade teatral da Xunta producirá tres proxectos, un de dramaturxia galega contemporánea e dous de clásicos, un deles da literatura galega e outro universal.

O PÚBLICO, PROTAGONISTA

Recomendada para maiores de 12 anos, Ás oito da tarde, cando morren as nais sitúa o público como elemento central da obra e analiza a relación entre o teatro e a súa recepción. En palabras de Marta Pazos, a posta en escena, na que se reproduce unha sala teatral, “pretende recoller a loucura que hai detrás da obra de AveLina Pérez”, de xeito que o público “é o protagonista e a actriz preséntase como público do propio público”.

O elenco caracterízase pola súa multidisplinariedade, con Camila Bossa, Sabela Domínguez, Xosé Manuel Esperante, Davide González, María Llanderas, Alba Loureiro e Toni Salgado nunha interpretación que presenta diferentes rexistros. A parte das realizacións artísticas confórmana Rut Balbís, como responsable do movemento, Hugo Torres, do espazo sonoro, Nuno Meira, da iluminación, e Blanca Añón, da escenografía. Completan o equipo Pier Paolo Álvaro e Esther Quintas, quen asumen o vestiario e a caracterización, respectivamente. Nas asistencias figuran Iria Azevedo, na de dirección, Pablo Chaves Maza, na de escenografía, Roger Portal Cervera, na de vestiario, e Xandre Vázquez, na de produción.

As entradas están xa á venda na web ataquilla.com e poderán adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro dúas horas antes de cada sesión, que serán ás 18,00 horas os mércores e domingos e ás 20,00 horas de xoves a sábado. O prezo é de 10 euros, con descontos de ata o 40% para diversos colectivos, así como os mércores na sesión descontraída e os domingos, Día do espectador.

Centro Dramático Galego estrea 'Ás oito da tarde, cando morren as nais'