lunes. 03.11.2025

O proxecto cinematográfico 'TORTUGA [pasaxe cromático #4]', da artista Brenda Boyer, foi o elixido na pasada convocatoria de BAICC – Residencia Artística Internacional de Creación Cinematográfica, impulsada polo (S8) Mostra de Cinema Periférico en colaboración con AC/E (Acción Cultural Española) e o LIFT (Liaison of Independent Filmmakers of Toronto). A experiencia levou a Brenda Boyer a Toronto en setembro de 2024, onde nas instalacións do LIFT explorou as posibilidades da separación cromática nos parques urbanos da cidade canadiense. O resultado é unha película onde a natureza palpita a través da luz, creando un aura de misterio que poderá vivirse na Coruña o próximo xuño no XVI (S8).

Para comprender a xénese de 'TORTUGA', é preciso remontarse aos antecedentes desta cuarta "pasaxe cromática". Brenda Boyer, en colaboración coa súa parella, a tamén artista Beatriz Higón, iniciou unha liña de experimentación co obxectivo de capturar a esencia da luz solar filtrada por tramas orgánicas. A idea era sinxela na súa concepción: filmar obxectos, espazos ou paisaxes iluminadas polo sol en tres momentos distintos, aplicando filtros verde, vermello e azul, e evitando intencionadamente o movemento de volumes dentro do plano.

"O desexo naceu ao ver o traballo de Viktoria Schmidt, 'NY RGB'", explica Brenda. "A primeira imaxe da serie ten unha resonancia directa con esa película: a luz do sol proxectada a través dunha ventá nun interior. No noso caso, a casa non pertencía a Nova York, o que supón un punto de conexión e, á vez, de clara diverxencia. A partir de aí, as resonancias esgotáronse; o bosque exerceu unha forte sedución sobre nós".

A estancia no LIFT de Toronto abriu un universo de posibilidades técnicas para 'TORTUGA'. Nos seus primeiros experimentos, Boyer e Higón traballaron superpoñendo directamente na cámara con película Ektachrome, o que limitaba o xogo coas capas de cor ao uso do obturador variable e a unha meticulosa atención ao contador de fotogramas da Bolex. Estas primeiras probas, explorando a apertura e peche de capas, a fluctuación na intensidade da luz e a variación nos modos de filmación, apuntaron á posibilidade de "animar" o bosque dunha maneira máis máxica que literal.

Brenda2
Brenda Boyer coas súas "partituras de copiado" nas instalacións do LIFT.

"Para 'TORTUGA', decidín explorar esta vía en profundidade", comenta Brenda. "Contar cunha copiadora óptica abriu un mundo de posibilidades novo, imposible de realizar directamente en cámara, e supuxo un cambio metodolóxico significativo".

En lugar de superpoñer directamente en película de cor, Brenda optou por filmar por separado tres veces a mesma toma sobre película en branco e negro, utilizando en cada ocasión un filtro RGB diferente. A intención era expandir este material durante o proceso de copiado a cor e experimentar coa repetición. "No material en branco e negro tiña uns 100 fotogramas por capa, pero na copia en cor este material estendeino a 1080 fotogramas", detalla a artista.

Ademais, a posibilidade de controlar con precisión de fotograma a fotograma o cociente de cadros, a intensidade da luz e a aparición das capas RGB durante o copiado permitiu a Brenda compoñer ritmicamente e xogar con diferentes "capas de tempo". Con esta expresión, refírese á capacidade de retardar ou acelerar o ritmo dentro da imaxe, a velocidade na variación dos cambios de cor e incluso o flickeo da imaxe mediante a inclusión de fotogramas en negro.

O método de traballo foise volvendo progresivamente máis estruturado, como explica Brenda ao describir o seu proceso de creación no LIFT: "Todo o proceso requiriu moito método e concentración paso a paso. Empezando pola filmación, onde levaba un rexistro exacto do rango de fotogramas de cada plano para poder 'viaxar' dun punto a outro da bobina durante o copiado sen perderme".

Unha das fases máis complexas e á vez estimulantes foi a creación das "partituras de copiado". Brenda deseñou un pentagrama de 72 fotogramas por liña, contados de oito en oito, que lle permitía compoñer a peza e combinar as capas RGB de múltiples maneiras antes de traballar coa copiadora óptica Oxberry 1700, converténdoa nun rudimentario "instrumento musical". Co tempo, logrou "interpretar" estas partituras en tempo real.

"Esta composición, aínda que influenciada pola propia estrutura da partitura que lle confire certa orde, non respondía a ningunha regra métrica", aclara Brenda. "Máis ben dediqueime a xogar e probar posibles formas de escritura e combinacións de capas".

Con todo, antes de mergullarse nos aspectos técnicos, Brenda sentiu a necesidade de establecer unha conexión profunda cos motivos e os lugares filmados. "Á parte das cuestións técnicas, este proxecto sostense tamén en cuestións máis sutís, como a observación, o silencio e a proximidade", subliña. Dentro do seu proceso metodolóxico, destaca o tempo dedicado a observar e camiñar entre árbores (ou edificios), contemplando o paso da luz, a súa translación, agardando o vento ou "cazando" nubes.

A experiencia en Toronto non só se centrou na creación, senón tamén no contacto coa comunidade cinematográfica experimental local. "Hei de confesar que me envorquei de tal maneira na creación que tiven pouco tempo para a socialización. Eu para esas cousas necesito máis tempo sempre", recoñece Brenda. "Pero foi xenial poder compartir o proceso cara ao final da residencia nun screening aberto ao público, ao que chegou xente moi interesada e interesante coa que puiden charlar ao rematar. A miña sensación foi de moi boa acollida, aínda que a proxección foi de todo o material sen moita orde e era a primeira vez que eu mesma vía todo o que fixera".

Traballar nun espazo como o LIFT deixou unha profunda pegada en Brenda. "Foi xenial. Traballar en LIFT é sen dúbida unha experiencia á que teño moito que agradecer. Primeiro a todo o equipo, ao departamento técnico ao que lle debo literalmente a existencia desta peza, e ao departamento de administración que fan un traballo incrible para manter vivo ese espazo e facilitar o traballo creativo de moitos artistas. Encantaríame quedar alí bastante máis tempo, a verdade".

A paixón de Brenda pola exploración técnica e o coñecemento dos procesos creativos en soporte fotoquímico atopou en LIFT un terreo fértil para o seu desenvolvemento artístico. "Este proxecto foi pensado dunha forma moi específica para poder realizalo en LIFT e nunha cidade como Toronto, na que perderse entre árbores é bastante fácil, pero tamén entre edificios cuxa arquitectura é cero orgánica", explica. "Poder traballar coa copiadora óptica foi sen dúbida un salto inabarcable desde os meus propios recursos, e sen a copiadora non tería desenvolto as partituras da maneira que o fixen. Ademais, contar con 5 semanas con recursos materiais e espaciais para concentrarme enteiramente niso, posibilitou que me adentrase máis e máis no propio xesto da copia. Cada 90 segundos de imaxe ten detrás tres ou catro horas de copiado, así que imaxina as horas que pasei coa miña amiga a Oxberry. Isto supuxo moita paciencia, e moito método, o que é xa un forte contraste cos meus anteriores procesos creativos, moito máis caóticos. Dalgunha maneira sinto que o meu paso por LIFT deume un chan máis sólido polo que pisar".

Para Brenda, o formato analóxico da imaxe en movemento ofrece uns estímulos únicos que enriquecen profundamente o seu proceso creativo. "Hai unha cousa que me encanta e é a sensación de inmediatez na relación coa luz e a súa fisicidade; en canto a película é alcanzada xérase unha ferida indeleble nela. Coma se filmar fose un acto de consciencia no que o parpadeo da cámara está sincronizado co propio latexo. Isto trasládase tamén ao propio xesto do corpo enteiro, que se inclina cara á luz. Nunca tivera a sensación de debuxar no espazo ao gravar en dixital, nin de ser atravesada pola luz e as súas traxectorias. Supoño que aquí se mestura o meu interese pola danza e as prácticas somáticas".

Ademais, Brenda aprecia a resistencia do formato analóxico a ser aprehendido facilmente, o que obriga a desenvolver o instinto e a atención. "É un paradoxo que se traballe coa luz tan ás escuras, e que a maneira de liberar o xesto fílmico supoña facer da cámara corpo e dos ollos fotómetros. Desde logo a min quédame práctica para chegar aí, pero sedúceme ese camiño. E logo ten algo de non ser do todo domesticable, polo menos á maneira diría que 'amateur' na que me aproximo, na que a idea de ter absoluto control sobre as imaxes resulta simplemente absurda. E isto gústame, creo que deberiamos deixar de tratar ás imaxes como un medio para que digan o que queremos dicir; aprender a facerse a un lado e deixarse facer por elas. Ah! E a imposibilidade da inmediatez na consecución dun resultado. A espera como forma de temporalidade non só está ameazada, senón moi mal comprendida. E está chea de tesouros!".

Na actualidade, Brenda atópase na fase de organización do material filmado coa idea de realizar unha proxección a tres proxectores. Tamén está a traballar na adaptación das súas "partituras de copia" a formato MIDI utilizando un sintetizador analóxico. "Non sei moi ben se iso acabará dentro, pero aí estou. Xa coa mente posta no (S8)", conclúe a artista, ansiosa por compartir o resultado desta intensa e reveladora viaxe cromática.

BAICC – Residencias Artísticas Internacionales de Creación Cinematográfica 2024/25 é un proxecto de eSe8_LAB, o espazo de formación, impulso, apoio, investigación e desenvolvemento de proxectos cinematográficos do (S8), que conta co apoio de Acción Cultural Española (AC/E) e do LIFT-Liaison of Independent Filmmakers of Toronto. A estrea da obra resultante no (S8) da Coruña recibe o financiamento de Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais).

Brenda Boyer e a alquimia cromática de 'TORTUGA' en Toronto: Unha viaxe sensorial á...
Comentarios